A batalla polo relato na transición enerxética

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde publicado orixinalmente en Praza Pública

Neste momento de recrudescencia das posicións sistémicas en resposta ás primeiras vitorias populares, sentíame na obriga de escribir unha peza retrucando a dous artigos de opinión publicados no xornal La Voz de Galicia a principios de novembro

Téñense escrito moitas liñas arredor do conflito social aberto coa vaga de proxectos eólicos autorizados pola Xunta, mas neste momento de recrudescencia das posicións sistémicas en resposta ás primeiras vitorias populares, sentíame na obriga de escribir unha peza retrucando a dous artigos de opinión publicados no xornal La Voz de Galicia a principios de novembro. 

Como a resposta estaba dirixida a dúas columnas de La Voz decidín enviala ao propio xornal (1), ao que moi amabelmente responderon que o que precisaban eran opinións «técnicas y objetivas» e non «argumentación política». Considerando a transcendencia da loita que nos ocupa, escribín outra opinión mais «técnica y objetiva» co ánimo de que os lectores dese xornal puideran acceder a outros puntos de vista. E tamén, por suposto, que os defensores da depredación eólica non se sintan impunes asumindo que a súa mensaxe reaccionaria non vai ser contestada. É por isto último que decido publicar igualmente esta resposta e que non fique no fondo dun caixón. En todo caso, vaia por diante o meu recoñecemento a La Voz da Galicia por publicar o segundo artigo de opinión que lles foi enviado (2).

O primeiro artigo de opinión foi publicado por un representante de CC.OO. que tivo a ben titular «¿Quién amenaza el futuro industrial de Galicia? ¿Odian una Galicia con futuro?»no que se cuestiona a integridade das últimas resolucións xudiciais de paralización de parques eólicos por parte do TSXG e no que o autor inclúe unha variada lista de improperios contra organizacións políticas e ecoloxistas (3). Que alguén me explique se non é «argumentación política», que este señor teña a indecencia de chamar mentireiro -e mesmo fascista- ao soberanismo galego (ou «nacionalismo territorialista de baja estofa», como el nos cualifica) pola nosa defensa do territorio e a reclamación dunha transición enerxética racional.

Curioso caso o deste sindicalista que, militando nunha organización que se orienta segundo os seus estatutos «hacia la supresión de la sociedad capitalista y la construcción de una sociedad socialista democrática», non enxerga ningunha outra alternativa para a crise enerxética que a da defensa da receita neoliberal do gran capital transnacional. Todo isto en nome dun suposto «desarrollo industrial» que parece ser garante de «nuestra libertad y nuestro sistema de valores». Polo demais, ofrécenos un discurso maniqueo e groseiro que pretende enfrontar a defensa do territorio cun suposto desenvolvemento industrial «que beneficia al global de la población», no que continúa a teimar na mil veces repetida mentira de que os parques eólicos combaten o despoboamento rural. Desmontar esta mentira non require de moito traballo, xa que o Instituto Galego de Estatística ten publicadas -ao alcance de media ducia de clicks- as series históricas de poboación para todos os concellos galegos. Para quen quixer mais información, recomendo a lectura do artigo «Os eólicos favorecen o despoboamento rural», no que se analiza a perda de poboación de Muras e Ourol, dous dos concellos pioneiros na instalación de aeroxeradores no noso país (4).

Se ben é certo que os impactos ambientais aparentemente poden ser menores que os da produción eléctrica con combustíbeis fósiles, a consideración da enerxía eólica como “limpa” e sen impactos asociados é consecuencia directa dunha concepción destorcida, reducionista e interesada da noción de sustentabilidade

No segundo artigo de opinión, publicado por un empresario con intereses económicos no sector das renovábeis, baixo o título «Eólicos, ¿a quién creer? Decida usted»,ponse en dúbida a independencia dos xuíces do TSXG e alúdese -certamente de forma mais educada- á existencia dunhas supostas organizacións ecoloxistas sen filiación política que «apoyan sin ambajes la instalación de parques eólicos» (5). Convido a este hilarante empresario a que nos indique cales son esas organizacións ás que fai referencia e que nos explique que é o que defenden. Ademais, na liña da anterior opinión, o empresario pretende deslizar que as organizacións políticas e ecoloxistas actúan con intereses espurios. Fáiseme complicado entender o proceso mental que pode levar ao xerente dunha empresa de enerxías renovábeis -e que incluso participa nun lobby chamado Asociación Eólica de Galicia- a acusar de «intereses personales» a militantes desinteresados na loita pola defensa do territorio. 

Xa que o noso ínclito sindicalista se permite acusar a unha suposta «casta judicial» de pouco capacitada en temas científicos e técnicos, aquí lle deixo indicados -moi brevemente- algúns argumentos arredor da enerxía eólica para ter en conta. Aínda que a priori pode parecer obvio, a produción de enerxía eléctrica sen emisión de gases de efecto invernadoiro só pode ser acadada tras unha serie de procesos industriais que teñen grandes impactos asociados. Convido a este opinador a que se informe do impacto que ten a construción dun aeroxerador, dos impactos xerados na súa instalación e transporte, ou incluso das necesidades asociadas de ampliación da rede de transporte da enerxía eléctrica. Convídoo a informarse tamén sobre o concepto de fronteiras planetarias, onde poderá ver claramente como o cambio climático só é un dos nove “grandes problemas” aos que se enfronta a humanidade; problemas que, por certo, foron provocados polo sistema económico que a súa organización -sempre segundo os seus estatutos- di combater. PUBLICIDADE

Se ben é certo que os impactos ambientais aparentemente poden ser menores que os da produción eléctrica con combustíbeis fósiles, a consideración da enerxía eólica como “limpa” e sen impactos asociados é consecuencia directa dunha concepción destorcida, reducionista e interesada da noción de sustentabilidade. Unha noción destorcida que nos ofrece solucións científico-técnicas para un problema sistémico, causado por un sistema económico que opera sen ter en conta os límites biofísicos do planeta. O capital só está a ofrecer parches para un problema estrutural.

É imperativo imaxinar un outro futuro no que a transición enerxética non sirva de salvoconduto para lexitimar ao propio sistema que nos levou a esta situación de crise ambiental e climática. A verdade está da nosa parte, non podemos perder a batalla do relato da transición enerxética

Con todo, e por se alguén aínda non o ten claro, as organizacións políticas e ecoloxistas non están contra a enerxía eólica nin contra as renovábeis. Denunciamos unha transición enerxética sen participación pública e a construción de parques con un estrito criterio de rendibilidade económica. Unha vez que comprendemos a magnitude dos impactos ambientais asociados á produción de enerxía -incluso a renovábel-, o mais razoábel parece defender unha planificación enerxética dimensionada ás necesidades das persoas e non do lucro privado. Eses son os nosos intereses espurios. Non podemos considerar a transición enerxética como un simple cambio nas tecnoloxías de produción, se non que necesariamente debe ir asociada a un cambio de paradigma en relación ás nosas necesidades enerxéticas. 

Compañeiros, compañeiras. Ningunha proclama dos mercenarios da depredación eólica sen resposta. É imperativo imaxinar un outro futuro no que a transición enerxética non sirva de salvoconduto para lexitimar ao propio sistema que nos levou a esta situación de crise ambiental e climática. A verdade está da nosa parte, non podemos perder a batalla do relato da transición enerxética.

Notas

1. É por iso que este artigo foi escrito seguindo a norma promovida polo ILG.

2. É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender? (2023, 28 novembro). La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2023/11/28/e-enerxia-eolica-limpa-queren-vender/0003_202311G28P12993.htm

3. ¿Quién amenaza el futuro industrial de Galicia? ¿Odian una Galicia con futuro? (2023, 30 outubro). La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2023/10/30/amenaza-futuro-industrial-galicia-odian-galicia-futuro/0003_202310G30P11991.htm

4. Os eólicos favorecen o despoboamento rural (2021, 3 xullo). Nós Diario. https://www.nosdiario.gal/articulo/social/eolicos-favorecen-despoboamento-rural/20210702192112124711.html

5. Eólicos, ¿a quién creer? Decida usted (2023, 1 novembro). La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2023/11/01/eolicos-creer-decida/0003_202311G1P17991.htm

Comparte:

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.