Contra a ofensiva militarista, pola paz e contra o imperialismo

A operación que está a sustentar o reforzamento militar do polo imperialista nucleado polos EUA esixe pór o foco exclusivamente no conflito ucraniano, obviando todas as invasións, guerras e inxerencias pasadas ou presentes que non encaixan no relato que se impón.
OTAN non

A relexitimación da OTAN ante a opinión pública europea, sustentada por unha brutal campaña de propaganda e de criminalización das posicións discrepantes, é hoxe un feito evidente. Esa mudanza acelerada na correlación de forzas a nivel ideolóxico permitiu dar pasos no reforzamento dese polo imperialista que antes da intervención rusa en Ucrania eran impensábeis. 

Así, a alianza ampliarase con dous países tradicionalmente reacios a aliñarse plenamente na xeopolítica do imperialismo: Finlandia e Suecia xa están en proceso de integración na OTAN, após unha rápida negociación que, entre outras cousas, implicará unha nova carta branca para Turquía á hora acelerar a súa ofensiva contra o pobo kurdo. Ademais, as peticións de aumento do orzamento militar que Trump enunciaba hai menos de dous anos e que naquel momento parecían disparatadas van ser agora plenamente atendidas por todos os países dunha alianza que recentemente mesmo alguén como Macron consideraba “en morte cerebral”.

En paralelo a isto, tamén a UE -outra das estruturas centrais do capitalismo imperialista- conta xa con máis países na fila de adhesión, e aproveitou tamén a coxuntura para dar novos pasos no seu reforzamento militar: por exemplo, Dinamarca acaba de unirse á súa política de defensa tras 30 anos de exclusión voluntaria da mesma.

O despregamento de máis tropas, a instalacións de novas bases ou os novos acordos con estados aliados de todo o planeta debuxan un escenario que non fará máis que achegarnos a novos conflitos militares e que ameazará calquer proxecto que tente sairse das estreitas marxes do consenso capitalista que hoxe rexe case todo o mundo. Por iso, oporse a esta escalada debe ser unha prioridade para todas as que aspiramos a un mundo en paz e con xustiza social. 

Igualmente cómpre denunciar que todo o clima criado nos úlltimos meses serviu para xustificar a censura contra quen se saíse do discurso oficial, e operacións de represión tan evidentes como a que sofre o xornalista vasco Pablo González, preso dede febreiro en Polonia ante a pasividade absoluta do goberno español.

A operación que está a sustentar o reforzamento militar do polo imperialista nucleado polos EUA esixe pór o foco exclusivamente no conflito ucraniano, obviando todas as invasións, guerras e inxerencias pasadas ou presentes que non encaixan no relato que se impón. Mais tamén implica ignorar os antecedentes deste e as doses de responsabilidade das potencias occidentais, que son eliminadas absolutamente nun relato en branco e negro que tamén asume ás veces parte da esquerda, aquela máis reacia a sair dos consensos oficiais por medo á criminalización ou o custe electoral. Porén, denunciar a intervención rusa e exercer a solidariedade con unha poboación que sofre -nalgúns casos xa desde 2014- unha guerra brutal, con miles de mortes civís e millóns de persoas refuxiadas, non pode supor negar o papel central que no conflicto xogou -e xoga- a OTAN e o propio réxime ucraniano surxido dun golpe de estado.

Sustentar un relato alternativo ao do eixo imperialista do que formamos parte é hoxe dificil, mais é mais necesario que nunca. Ainda que a degradación das condicións para o debate e a minorización das voces alternativas é evidente, tamén é certo que a tendencia comeza a mudar e que son cada vez máis os sectores sociais que se rebelan contra o pensamento único, e sobre eles debemos sustentar unha posición anti-imperialista consecuente coa que pasarmos á ofensiva. Cada vez máis xente ao noso redor constata que os maiores beneficiados de todo isto, sen asumir case nengún dos custes, están a ser as élites dos EUA e en particular o seu complexo industrial-militar, mentres que aquí pagamos as consecuencias económicas. Tamén é evidente para amplos sectores a criminal hipocrisía en relación á política migratoria que asasina na fronteira sur de Europa mentres chama á solidariedade selectiva só con persoas refuxiadas de pel branca.

Neste difícil contexto o noso papel debe ser, como sempre, denunciar todas as agresións militares, opornos á guerra e defender a solución pacífica dos conflitos, a paz e a soberanía dos pobos. Facemolo coa lexitimidade de quen sempre tomou esa postura en todo lugar. Por iso, a nosa irrenunciábel posición internacionalista esíxenos non dar nengún apoio á guerra, ás inxerencias e ao imperialismo en nengunha das súa formas. Tamén sermos consecuentes frente a perversións de conceptos como soberanía, dereito a decidir, dereitos das minorías, intervencións humanitarias, guerras preventivas… que son usados á carta, defendidos ou rexeitados segundo conveña para xustificar os intereses mais espúreos.

Porén, temos claro cal é a nosa tarefa principal: estando inseridos no bloque atlantista que xogou un papel chave neste e tantos outros conflitos, a nosa prioridade é combater a OTAN e o Estado Español, debilitando o imperialismo aquí e agora tanto como podamos. As mobilizacións impulsadas este ano pola plataforma Galiza pola Paz ou as diversas iniciativas da Plataforma Galega contra a OTAN marcan un camiño que non só é guiado por principios firmes, mais sobre todo por unha necesidade histórica: nesta encrucillada é máis importante que nunca pormos en primeiro plano un discurso en favor da paz, a desmilitarización e do fin da carreira armamentística. Hoxe é a propia supervivencia da humanidade a que está en xogo, o que esixe erguer a única consigna á altura dos retos e obxectivos que temos por diante: nin guerra entre pobos nin paz entre clases.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.