A Confederación Sindical Galega (CIG) é, agora mesmo, a primeira forza no conxunto dos centros de traballo galegos, mais que unha expresión organizativa do soberanismo sexa hexemónica é aínda algo novo. Observar o fenómeno pode axudarnos a continuar mellorando a estratexia de transformación de afiliación en militancia, nesta e noutras áreas. Para falarmos sobre eses desafíos falamos con Lucía Freire e Anxo Noceda, membros da Executiva Confederal da central sindical nacionalista.
Como vedes a situación político sindical actual?
Lucía Freire (LF): O autodenominado goberno máis progresista da historia, permitídeme a brincadeira, até podería aprender algo dos gobernos de esquerda na segunda república, que, aínda que timidamente, foron quen de confrontar cos poderes fácticos. Pola contra, o actual goberno español nin foi quen de derrogar as reformas laborais do PP ou a Lei Mordaza, tal e como prometeu, e ademais atópase permanentemente en campaña con falsas promesas de “melloras importantísimas” das condicións de traballo cando en realidade non son tan beneficiosas para a clase traballadora senón só remendos do que xa existía, cando non directamente retrocesos. Exemplo claro é o da tan aclamada redución da xornada de traballo que nin dá chegado nin é tan beneficiosa para a clase traballadora como nos contan. Por non falar dos casos de corrupción ou violación dentro das súas filas e que o único que van conseguir é que a dereita/ultradereita volva gobernar no Estado español cando se esgote este ciclo.
No medio de todo este despropósito atópanse CCOO e UGT que, cada vez máis, xogan un papel colaboracionista no circo do diálogo social. No canto de traballar polos intereses da clase obreira, trabállase polos intereses da patronal. O mundo ao revés: non se acorda mellora algunha nas condicións de traballo se a patronal non dá o visto bo.
E, por último mais non menos importante, é a postura de perfil deste goberno diante do que está acontecendo coa masacre do pobo palestino, coa compravenda de armas ao sionismo ou o papel que xoga o Estado español na OTAN e na UE, nas guerras imperialistas en Ucraína ou nas inxerencias en distintos puntos do planeta (o Sahel, América Latina etc.).
Que valoración facedes da resposta desenvolvida pola CIG nestes últimos catro anos?
LF: A CIG nestes últimos catro anos estivo presente na rúa cunha loita permanente a prol dos dereitos laborais en todos aqueles conflitos obreiros levados adiante nas empresas ou sectores onde a CIG ten presenza: na defensa dos postos de traballo dignos na nosa terra, contra as agresións coloniais como o caso de Altri ou a invasión eólica por terra e mar, o desmantelamento industrial da Galiza, por unha CRTVG pública e plural, no impulso da loita feminista, na defensa do noso idioma ou, como non, contra as agresións imperialistas da OTAN ou contra o xenocidio do pobo palestino. Péselle a quen lle pese non houbo loita no noso País en que a CIG non fose parte activa, cando non directamente o elemento motriz.
Resultado da nosa acción e o noso compromiso é a importantísima subida na nosa afiliación e que continuemos sendo a primeira forza sindical na Galiza tanto en número de afiliadas como en representación sindical. Isto conleva o reforzo da nosa independencia económica, que fai que sigamos sendo unha organización que non precisa someterse aos desexos da patronal ou dos gobernos e así poder continuar desenvolvendo o noso traballo con contundencia, confrontación e sen ningún tipo de sometementos nin complexos.
Cales serían os obxectivos a conseguir nos vindeiros anos?
LF: Na miña opinión, o primeiro dos obxectivos a conseguir nos vindeiros catros anos é seguir mantendo, e a ser posible aumentando e reforzando aínda máis, a nosa presenza na rúa e imprimirlle ás loitas un carácter cada vez máis combativo.
O segundo dos obxectivos é o fortalecemento ideolóxico da nosa base social. Temos que ser capaces de transmitirlle á nosa base social –cando menos ao corpo de delegadas e delegados- que a solución aos problemas da clase obreira pasan por avanzar cara a unha Galiza soberana e socialista.
E o terceiro dos obxectivos é conseguir chegar ás mozas e mozos para que collan as rendas deste proxecto que tanto traballo deu construír e ao que é necesario darlle continuidade. A despolitización, a apatía á hora de organizarse, o teletraballo e as novas formas de explotación, ou o intento de disociar a loita de clases do soberanismo, son realidades impulsadas polo sistema que debemos combater para que a CIG siga sendo o referente de loita do pobo traballador galego para una Galiza ceibe, socialista e feminista.
Como conxugar as contradicións que aparecen entre as distintas frontes (institucional, movemento obreiro, mocidade)?
Anxo Noceda (AN): Cando falamos da unidade de acción do nacionalismo, hai tres cuestións fundamentais que cómpre lembrar, mesmo que sexan sabidas pero ás veces esquecidas.
A primeira é non confundir goberno con poder. O poder real do nacionalismo transformador non reside nas institucións senón nos movementos sociais: os colectivos veciñais, culturais, sindicais, deportivos… Ese é o noso soporte e a nosa forza. alcaldías
Os medios de comunicación, controlados polo poder económico, non van apoiar un proxecto de cambio profundo nin de soberanía nacional.Por iso, cando accedemos a gobernos ou institucións, non podemos esquecer que o noso poder vén da base social. Se o esquecemos, repetiremos erros xa vividos. E isto lévame á segunda idea: aprender da nosa historia. Xa tivemos representación institucional importante —gobernos locais, alcaldías— grazas ao apoio social e militante. Pero, ao chegar ás institucións, en diferentes ocasións afastámonos desa base e tratamos de facer políticas que tivesen a aprobación dos medios de comunicación no canto de tela da xente que respaldaba nos respaldaba e acreditaba en nós. O resultado foi a perda deses espazos e, en moitos casos, tamén da capacidade de poder recuperalos. Hai que construír aprendendo dos erros, non repetíndoos.
A terceira cuestión é entender a acción política como algo transversal. Non son compartimentos estancos: goberno, movementos sociais, mocidade, feminismo, sindicalismo… todo forma parte da loita polo socialismo e a soberania do noso pobo, dos pobos. Se esquecemos esta visión conxunta, se o que defendemos estando na oposición non o executamos sendo goberno, se pretendemos subordinar o conxunto dos movimentos sociais á acción de goberno, será moito mais doado que xurdan as contradicións. Unha delas é pensar que por estar no goberno temos poder e en consecuencia comezar a moderar os discursos ou accións para contentar aos que realmente non nos van apoiar. Iso é incompatible co cambio social e coa independencia.
Está claro que a lexislación española impón límites, pero iso non pode ser unha escusa. Temos que crear ferramentas que nos permitan avanzar, xerar esas ferramentas que precisamos para sortear eses limites e, cando non se poida, explicarlle á sociedade os porqués e e pornos do seu lado para denunciar esas limitacións.
Só así poderemos xestionar as contradicións e avanzar no proxecto político común.
Vén de celebrarse o IX Congreso Confederal e as asembleas comarcais onde traduciu unha sólida unidade interna con candidaturas de consenso en todas as estruturas e escaso debate interno. Isto é positivo ou negativo?
AN: Con respecto ao IX Congreso Confederal, aos Congresos Federativos e ás Asembleas Comarcais da CIG, creo que hai dúas cuestións importantes a ter en conta. A primeira é que non debemos confundir consenso con uniformidade. E, a segunda, que o feito de que nun congreso haxa candidaturas de consenso e que o debate non sexa especialmente visible non significa que non exista debate real ou pluralidade interna.
Na CIG hai diferentes correntes recoñecidas e o consenso non significa que todos pensemos igual, senón que fomos quen de sumar distintas posicións, achegando puntos comúns e minimizando diferenzas. Iso é sinal de madurez organizativa, non de debilidade. A falta de debate visible no Congreso para nada denota falta de vida interna, senón máis ben
unha consecuencia do xeito en que historicamente temos organizado o noso proceso precongresual.
A diferenza doutras organizacións, na CIG os documentos do Congreso non son elaborados pola pola dirección, senón por comisións de traballo en que participan membros do Consello Confederal e persoas das diferentes correntes e sensibilidades. Esas comisións traballan durante meses e é aí onde se dá realmente o debate político e organizativo máis profundo. Os textos finalmente acordados e consensuados son os que se trasladan para a sua aprobación no Consello Confederal, o máximo órgano entre Congresos.
Por exemplo, na Comisón de Organización e Estatutos —en que participei— houbo un debate intenso, entre outras cuestións, acerca do rexime de incompatibilidades a establecer na Central Sindical, mais após dese debate acadamos unha posición de consenso. É natural que, se os documentos chegan ao Congreso xa con ese nivel de consenso, sexa mais complexo que eses debates se reproduzan no plenario. Pero iso non quere dicir que non exista debate mais que se deu noutros espazos.
Cal debe ser o papel da Corrente Sindical Arredista na CIG nun contexto de despolitización e de avance da reacción e do españolismo?
AN: Neste momento, onde estamos a vivir un contexto de despolitización que afecta toda a sociedade e tamén a propia Central Sindical, considero que o papel fundamental da Corrente Sindical Arredista é combater esa despolitización desde dentro da organización.
É imprescindible fortalecer ideoloxicamente a nosa militancia, comezando polos compañeiros e compañeiras que forman parte da nosa Corrente. Isto pasa por manter vivos e claros os principios fundacionais da nosa organización: a defensa da soberanía e da independencia do país, a aposta polo socialismo como única vía para construír unha sociedade sen explotación e baseada na solidariedade e a defensa firme do idioma galego, especialmente no seu uso dentro da nosa militancia. Descoidar ou abandonar calquera destes piares suporía que a Corrente deixaría de ser o que é e perdería a súa razón de ser.
Por iso, o traballo da nosa Corrente debe centrarse en consolidar a nosa organización interna, promovendo o debate e o compromiso activo. A nosa Corrente non pode ser nin unha ferramenta para repartir cargos nin un espazo para prebendas particulares; o destino desa actitude é a autodestrución.
Temos que organizar compañeiros e compañeiras, delegados e delegadas e afiliados e afiliadas da CIG para reforzar o independentismo e o socialismo dentro da Central Sindical. Este fortalecemento ideolóxico e organizativo é clave non só para a pervivencia da nosa Corrente senón tamén para a saúde e o futuro da maior organización do País, a CIG, así como das restantes organizacións de masas en que traballamos.
Finalmente, hai que ter moi presente que, nun prazo relativamente curto, en cinco ou sete anos, a CIG deberá afrontar un relevo xeracional importante. Para encarar ese desafío con garantías, precisaremos que a Corrente Arredista estea forte, clara nos seus obxectivos e ben organizada, de aí que sexa fundamental seguir a traballar no fortalecemento ideolóxico e organizativo da nosa corrente.



