Do 8M ás asembleas de barrio.

Artigo publicado no Especial Sermos Galiza do 24 de xullo de 2021 A Galiza que Emerxe.

En 2021 calquera análise política que tentemos facer sobre a realidade en que vivimos estará mediatizada pola crise sanitaria da covid-19 e a pandemia en que derivou da súa xestión por parte dos estados capitalistas.

Se falamos de movementos e acción socia,l o último ano e medio son unha paréntese que puxo unha inmensa lupa sobre a realidade en que vivimos e nos ensinou as costuras que nos atravesan. Abriu as feridas que tiñamos mal curadas, amosándonos as debilidades orgánicas e estruturais de moitos dos espazos sociais nos que nos apoiamos para a loita do día a día as soberanistas, proba disto as enormes dificultades de moitas compañeiras de Centros Sociais para saír adiante sen poder abrir mais con todos os gastos de manter espazos que son imprescindíbeis para combater a hexemonía cultural do réxime e do capital, ou a incapacidade colectiva de sobrepornos ás medidas coercitivas do goberno do Estado impedindo o exercicio do dereito a manifestación ou á intervención política durante a pandemia cando non hai maior e máis esencial actividade que organizarse contra un estado e un sistema económico que nos agrede de xeito constante.

O primeiro reto colectivo que temos por diante é reflexionar sobre que imaxe de nós mesmas, como movementos e colectivos sociais, nos voltou a pandemia. Onde nos colocou, como respostamos e como imos reconstruír os moitos espazos que gañados co esforzo de moitas compañeiras, conseguíamos manter vivos non sen dificultade. Como é posíbel que apenas se colocaran reflexións desde os nosos espazos sobre o que sucedía e como iso estaba impactando nas loitas sociais e comunitarias. Sen estas reflexións teremos serias dificultades en acertar coa folla de ruta que nos permita seguir combatendo o estado de cousas para construír ese outro mundo posíbel e xusto que arelamos.

Se facemos estas reflexións en torno ao feminismo galego recibimos de volta diferentes imaxes mais en xeral un movemento que viña de acumular moita capacidade mobilizadora nos últimos anos conseguiu estar á altura da forza que viña xerando. Non sen dificultades e debates mantivéronse as mobilizacións do 8 de Marzo, reconvertidas e adaptadas ás circunstancias mais firmes na defensa da necesidade da mobilización social e de non renunciar á axenda política. Criminalizadas, cuestionadas e mesmo prohibidas, as mobilizacións do 8M son a imaxe no espello, o que nos di a pandemia que é o feminismo galego: un movemento forte con capacidade de interpelar ao poder e mesmo enfrontalo en moitas ocasións.

O espello tamén devolveu imaxes menos agradábeis, como a incapacidade de articulación no día a día para afrontar axendas máis pegadas ao local e aos lugares reais nos que a opresión patriarcal ten nomes e apelidos, ou a dificultade para articularse fóra de axendas e datas xa consolidadas exemplificado na enorme capacidade de resposta ante os feminicidios e a cativa resposta que teñen as campañas enfocadas nas problemáticas locais case sempre máis e mellor traballadas que os temas xerais que gozan de maior impacto social e mediático.

Toca pois recoller estas reflexións e as que se dean colectivamente como punto de partida para traballar nos retos que ten por diante un feminismo galego que leva anos traballando en tecer redes e alianzas políticas na diversidade, confluíndo para numerosas loitas e tamén mantendo axendas paralelas e mesmo antagónicas para aqueles asuntos nos que existen disensos. Redes como Galegas 8M en torno á que se articula a data central de mobilización feminista na Galiza, a resposta unitaria fronte aos feminicidios, a recente asemblea para preparar Encontros de Mulleres e Disidencias coa Xira pola Vida das Zapatistas ou as xornadas que a Marcha Mundial das Mulleres prepara para falar en setembro da axenda feminista galega amosa que a vontade existe e os espazos tamén.

Reforzar estas redes, tecelas en chave de país e repartir a forza mobilizadora alén das datas de prestixio preséntase como unha tarefa irrenunciábel nos vindeiros anos. Tarefa á que precisamos sumar a necesidade de dar os debates políticos en espazos de construción nos que se asegure non un consenso que quizáis non exista en torno a algúns temas, senón a seguridade de que se poden expresar as discrepancias dende a sororidade e o respeito mútuo. Neste sentido o feminismo galego, no que existen compañeiras trans que son xa referentes para todas, debe afrontar o inxente reto de que os debates en torno á autodeterminación de xénero e as identidades non binarias non dinamite a capacidade de traballar en espazos colectivos e non debilite a forza mobilizadora que foi quen de construír dende hai décadas, mas non pode facerse a costa de negar dereitos a ningunha compañeira. Estou convencida de que o feminismo galego está en mellor disposición de afrontar este debate con acerto do que o español ou o británico, por pór dous exemplos extremos de como non debemos construír os debates.

Como comentaba a pandemia devolveunos unha imaxe menos agradábel en relación ás axendas locais e alternativas aos temas máis “mediáticos”. Este é sen dúbida outro reto colectivo que ocupará debates e reflexións no feminismo galego nos próximos anos. Non só porque algunhas estemos especialmente empeñadas niso senón porque perdernos en abstraccións e idealismos atendendo só a grandes enunciados e loitas xenéricas non nos permitirá avanzar para mellorar as nosas vidas. Berrarmos nas rúas que hai que rematar co patriarcado axúdanos a colocar o foco no noso movemento político, a coller axencia propia e a marcar posicións políticas amosándolle ao sistema que temos forza e capacidade para ter unha voz pública que o cuestione, visibiliza, simboliza, mais é insuficiente para transformar a realidade.

Esa realidade que queremos transformar actúa na familia, na escola, no traballo, na rúa, na festa, na loita, na asociación veciñal, no partido, na xustiza, en obstetricia, no parto… está presente a cada paso que damos e en cada espazo que participamos e é aí onde temos que actuar, organizadas, para facer que as cousas realmente muden. A axenda de resposta as feminicidios é importante, porque nos están matando, mais igual de importante é denunciar canto se nos violenta no sistema sanitario, a precariedade laboral á que nos someten, que existen mulleres escravas traballando nos fogares, que cando imos denunciar entramos nunha espiral institucional de violencia que nos machaca ou facer do activismo un espazo tamén de comunidade de vida, de debate, de partilla de experiencias e aprendizaxes, facer das compañeiras de loita compañeiras de vida coas que enfrontar todas esas agresións que sufrimos.

O feminismo galego que ten a capacidade de articularse en aldeas, vilas e cidades tamén ten a capacidade de crear unha axenda que teña presentes as loitas concretas e estar aí onde o patriarcado toma forma, ten apelidos e actúa no día a día. A través do compromiso e da militancia.

Hai anos que comprendimos que había que organizarse para ser máis fortes, hoxe en Galiza existen multitude de colectivos feministas en vilas e localidades do país, temos que ser quen de articularnos dende a pluralidade, para definir unha axenda de país, galega, que actúe e combata ao patriarcado aquí e agora, na Galiza de 2021.

Unha axenda que poña o foco na nosa sociedade e no noso goberno, que empregue a súa enorme capacidade de mobilización para facer medrar o tecido organizado e para estar ao pé das loitas que hai que dar no país, que mire máis aos CIMM, á Secretaría de Igualdade, ás política de igualdade dos concellos, ao SERGAS e a atención ás mulleres ou a violencia obstétrica, ás necesidades das mulleres do rural e das labregas, das compas migrantes e racializadas que son parte do país e teñen que ser parte do noso movemento político, máis aos xulgados da Galiza que á xustiza española, en definitiva que sexa capaz de articularse e dar resposta ao que máis nos afecta como mulleres galegas traballadoras e como feministas. E que o faga, por suposto, cunha profunda sororidade cara ás nosas irmás do resto de mundo que desenvolven a mesma loita nos seus países.

Neste anaco de mundo chamado Galiza, as mulleres traballadoras galegas non sufrimos tres opresións senón unha opresión que é nacional, social e de xénero. Non existe cuestión nacional illada dos feitos sociais, de clase e xénero, como non existe feminismo galego sen lingua galega, sen nación e sen mulleres traballadoras. O maior reto do feminismo de clase galego é non deixar de selo.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.