Artigo de Noa Presas e David Soto, membros da Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego
Cara á República Galega, obxectivo diario
Nun contexto marcado pola corrupción estatal, o rearme reaccionario, o avance do belicismo e a emerxencia feminista, este 25 de xullo cómpre reivindicar que hoxe, na Galiza de 2025, nos organizamos para sumar cada vez máis clase traballadora e máis vontades na construción da República Galega, soberana e independente. As urxencias non deben levarnos a desligar o estratéxico e o táctico, tanto no discurso como na praxe diaria, en aras dun curtopracismo cómodo. Cada elemento de crise do sistema dános a oportunidade colectiva de explicar as causas e o contexto reaccionario úrxenos a artellar o reforzamento do soberanismo como resposta.
É por iso que neste Día da Patria saudamos a recuperación da soberanía como palabra de orde da convocatoria unitaria do nacionalismo galego, obviada nos últimos anos. Unha rectificación que debe acompañarse da recuperación da súa demanda para alén de datas referenciais e do reforzo do discurso soberanista sen complexos.
Como dixo Castelao, a quen honramos neste ano combatendo a reescritura da historia á que queren someter a súa figura, a liberdade é a única reserva coa que contan os pobos para crearen o seu futuro, e por iso urxe avanzar na senda soberanista. É a vía, ademais, coa que dar continuidade a un novo ciclo político marcado pola recuperación electoral da fronte patriótica mais tamén por unha enorme crise de militancia política nas distintas esferas, o avance de posicións cada vez máis reaccionarias na sociedade, un contexto internacional complexo e un contexto estatal caracterizado pola corrupción do réxime do 78 que fan urxentes a reafirmación ideolóxica, a reorganización político social e un novo marco de relacionamento co PSOE que xa chega tarde.
Situar o PSOE como o que é: un piar do corrupto réxime do 78
Os indicios de corrupción do PSOE coñecidos nas últimas semanas reafirman a análise histórica feita polo arredismo do papel dos grandes partidos do Estado como piares dun réxime do 78 herdeiro do franquismo e irreformable con independencia de quen o goberne e a necesidade de non ter apoiado a última investidura. Así, a crise de lexitimidade e a sospeita de corrupción sistémica das últimas semanas reafirma que foi un erro non ter aumentado o distanciamento co goberno do Estado despois dos incumprimentos con Galiza e os retrocesos contra a clase traballadora da anterior lexislatura, como a contrarreforma das pensións e laboral, ou máis recentemente ante a escalada belicista, a complicidade co xenocidio palestino e o incremento do gasto militar.
O avance das posicións máis reaccionarias de distintos sectores da sociedade e a preocupación pola posíbel chegada dun goberno das dereitas non debe facer relaxar a esixencia a un goberno en minoría que nos sete anos que leva na Moncloa tivo oportunidades desaproveitadas mais constatou a súa fidelidade ao centralismo e aos intereses patronais e antipopulares. Debemos ser conscientes, e explicar socialmente, que malia ter posicións menos retrógradas nalgúns aspectos e en materia de dereitos sociais básicos, o papel do PSOE foi, é e será o de garantir que non haxa mudanzas estruturais nas tripas do Estado español. Polo tanto, a preocupación das clases populares pola perspectiva dun ciclo de turnismo no que a extrema dereita estea no goberno non debe facernos edulcorar esta caracterización nin flexibilizar a nosa presión, senón que é a oportunidade de sinalar adecuadamente o seu papel.
Debemos ser conscientes e explicar socialmente que o papel do PSOE foi, é e será o de garantir que non haxa mudanzas estruturais nas tripas do Estado español
Nese sentido, cómpre ter en conta que tanto PSOE como PP e Vox son fieis defensores da unidade do Estado e tamén valedores das elites que se benefician desa unidade. Entre tales elites áchanse as grandes empresas que fan lucro desde os tempos da ditadura a custa do erario público, do medio ambiente e do capital acumulado grazas ao traballo das clases populares (servizos públicos, bens comunais, caixas de aforro etc.), pero tamén os sectores que ostentan o poder real dentro do Estado: desde a corrupta monarquía borbónica ata os sectores xudiciais, policiais e militares sempre serviciais aos intereses da oligarquía española.
Ademais, agochadotrala máscara dunha (descafeinada) socialdemocracia, o PSOE ten operado durante esta etapa histórica como un vector de desactivación do poder popular. Isto pódese certificar a partir do modelo actual de negociación colectiva, secuestrado por uns sindicatos sostidos polo Estado, e sempre dispostos a defender e soster as agresións aos intereses da clase traballadora. Pero tamén no efecto de desactivación que se viviu a finais dos anos 1970 en movementos sociais, como o veciñal ouo sindical. Un proceso de desactivación que se mantén hoxe nos movementos de solidariedade internacional, de defensa do medio ambiente ou feministas.
Neste escenario, é o momento de que as organizacións soberanistas exerzamos a nosa forza nun contexto sen maiorías para tensar o réxime e evidenciar a única saída posible: a necesidade de soberanía para o noso pobo e dunha verdadeira ruptura democrática. Neste mesmo sentido, a falta de cumprimento do acordo de investidura (que, se ben tivo consecuencias positivas para Galiza, dista aínda de ser executado), xunto co contexto actual, debe levarnos a unha posición que só pode pasar por un maior distanciamento e o incremento das esixencias. Máis aínda, a gravidade do contexto que vivimos non pode deixarnos nun papel conseguidor de medidas concretas a favor dos intereses de Galiza, senón que debe situarnos como actor clave a favor da paz e soberanía dos pobos.
Máis alá do electoral e institucional, construírmos ferramentas de contrapoder
Neste sentido, o recrudecemento do contexto reafírmanos tamén na urxencia de que o soberanismo galego aplique de forma práctica a necesidade de construír ferramentas de contrapoder e non acomodarse no obxectivo de avance electoral nin na acción institucional. De feito, non se pode explicar o actual éxito eleitoral do BNG senón é como resultado do esforzo organizativo do nacionalismo e das credenciais que ese esforzo no plano sindical, político, ecoloxista, feminista, veciñal e cultural nos outorgan como fieis valedores dos intereses das clases populares galegas. É, por tanto, preciso que o BNG, como organización política dese movemento nacional-popular galego, colabore e coide as relacións co resto de organizacións dese movemento, sen o cal sería impensábel conseguirmos o noso obxectivo estratéxico de emancipación nacional e de clase.
Ademais, o contexto actual urxe intensificar a creación de alternativas concretas en ámbitos como a lingua, onde a constatación da inmersión lingüística como única vía posible para responder a situación de emerxencia debe poñer en marcha unha estratexia que, alén de situar esta medida no ensino público, active pasos concretos desde as institucións que xa gobernamos e iniciativas sociais. Da mesma maneira, a situación de emerxencia habitacional require dunha maior autoorganización popular para a defensa de alternativas, que non pode ficar en expresións autoreferenciais sen implantación social real.
Un BNG en Movemento: máis organización, máis pluralismo, máis debate, máis esquerda e máis soberanía
Neste 2025 cúmprese unha década dun feito simbólico e punto de inflexión da crise pos-Amio do nacionalismo galego: a perda da representación no Congreso. Unha década despois, constatado que a clarificación ideolóxica, o reforzo da autoorganización e a confianza na militancia foron chaves para a recuperación electoral e de credibilidade social, a fronte patriótica enfróntase a novos retos, como autoorganizar máis pobo, incrementar a súa forza no Estado, ampliar a representación municipal e ter gobernos transformadores ou acadar un goberno alternativo ao PP na Xunta liderado polo BNG.
Como defendemos no proceso asembleario da Fronte Patriótica, este novo ciclo político do nacionalismo precisa máis organización, máis pluralismo, máis debate, máis esquerda e máis soberanía.Para non repetir erros do pasado é preciso avanzar no reforzo do frontismo, para o que tamén cómpre incorporar soberanistas que aínda non están organizadas na casa común e mellorar a capacidade de integración real desa pluralidade. Unha pluralidade que foi esencial para sacar o nacionalismo galego da súa maior crise e non debe ser apartada en aras dun presunto pragmatismo electoralista nin rebaixas ideolóxicas xustificadas nel. Esa pluralidade, a confianza na deliberación colectiva e a participación real de todos os colectivos que fan parte da fronte deben ser o eixo do noso funcionamento interno e ferramenta imprescindible para xerir as contradicións e retos de futuro. Só así acertaremos colectivamente a favor das maiorías sociais e do futuro de Galiza no camiño de construír a República Galega.



