Entrevista a Dani Cornellà, deputado da CUP no Parlamento Catalán

“O movemento independentista vai alén dos partidos e pasaralles por riba se tentan pactar unha solución dentro do marco constitucional”

Dani Cornellà é militante da esquerda independentista catalá. Membro da CUP e de Poble Lliure, foi alcalde de Celrá de 2011 a 2013 e de 2015 até este mesmo ano, en que deixou o cargo logo de ser eleito deputado pola circunscripción de Girona, cuxa candidatura encabezaba. Falamos con el sobre a situación actual e os retos do movemento independentista, nun momento de reformulación de estratexias.

A pesar do salto adiante na conciencia popular e de pór temporalmente contra as cordas o réxime español, o proceso independentista non acadou os seus obxectivos, e parece estar agora nunha fase de certa desorientación. Como cres que se pode comezar a superar esta fase e encarar unha nova ofensiva?

Para avanzar cómpre analizar moi ben o que pasou nestes últimos anos até a actualidade, pondo sempre o 1 de outubro de 2017 como punto de partida da República Catalá que queremos. Agora temos clara que resposta da o Estado Español ante un desafío democrático e tamén das carencias do movemento independentista á hora de poder soster una declaración de independencia.

A partir de aquí, cómprenos construír unha estratexia unitaria entre os partidos, as entidades, o movemento popular e o exilio, para xerar de novo as condicións para volver facer un referendo. Este embate democrático que propomos contempla desde as institucións volver aprobar leis que melloren as condicións, a todos os niveis, da poboación. Contempla que as entidades, a cidadanía e as organizacións populares recuperen as rúas para defender un país que garanta dereitos e futuro. Este proceso de confrontación permanente co estado debe levarnos a unha negociación real (opción pouco probábel só co Estado Español, faría falta a implicación doutros países) ou implementar directamente a independencia. E cando falamos de negociación real, non falamos da actual “mesa de diálogo”, onde precisamente temas como a amnistía ou o dereito á autodeterminación están vetados.

Como avalías as perspectivas do novo goberno da Generalitat presidido por ERC?

As eleccións autonómicas do 14-F deron novamente unha clara maioría ao independentismo, pero non só en escanos como xa conseguiramos nas eleccións do 2015 ou nas do 2017, esta vez tamén se conseguiu unha maioría de votos, chegando a obter o 52%, cando nunca chegáramos ao 50%. 

Este é un conflito de desgaste constante do poder do estado para forzalo a sentar a negociar ou sermos suficientemente fortes para tirar adiante a vía unilateral

Este resultado histórico tamén ven acompañado dun cambio na correlación de forzas dentro do independentismo, por primeira vez as esquerda gañan. Iso supón unha mudanza na presidencia da Generalitat, que pasa a mans de ERC, e agora cómpre que demostre que realmente quere gobernar dun xeito diferente, facendo políticas de esquerdas e avanzando cara á liberación nacional.

A CUP asinou un acordo de investidura con ERC para facilitar o inicio da lexislatura, pactando uns mínimos programáticos que deben ir desenvolvéndose. Por agora dá a sensación de que os partidos do goberno están a traballar algúns dos temas acordados, pero preocúpanos que podan volver ao antigo peix al cove (“paxaro en man”) e non estean dispostos a facer políticas valentes en chave social e nacional.

Houbo moitos debates arredor da contraposición entre unilateralidade e bilateralidade para a resolución do conflito político. Como entendes esta cuestión? Que posibilidades reais existen de que o estado español negocie unha saída en chave democrática?

Só poderemos exercer o dereito de autodeterminación a partir da vía unilateral ou xerando un conflito de tal magnitude que se vexan obrigados a sentar a negociar. Obrígannos a avanzar en escenarios de confrontación, e é o propio estado quen nos fai camiñar nesta dirección, non nos deixan ningunha outra marxe de manobra. O PSOE e o PP sempre se poñen de acordo e defenden as mesmas posturas, non teñen ningún interese en resolver o conflito político real, tentan novamente pechar desde arriba o que a cidadanía abriu desde abaixo, volvendo a falar de melloras no Estatuto de Autonomía, un novo engano que xa non compra ningún partido independentista.

O embate democrático consiste en  avivar o lume do conflito a todos os niveis, con mobilizacións constantes e masivas, campañas contra os poderes do Estado (IBEX-35), lexislando para mellorar as condicións materiais de vida da maioría da poboación e garantindo dereitos; este é un conflito de desgaste constante do poder do estado para forzalo a sentar a negociar ou sermos suficientemente fortes para tirar adiante a vía unilateral.

O embate democrático consiste en  avivar o lume do conflito a todos os niveis, con mobilizacións constantes e masivas, campañas contra os poderes do Estado (IBEX-35), e lexislando para mellorar as condicións materiais de vida da maioría

Algúns sectores do soberanismo, tamén no noso país, consideran a esquerda de ámbito estatal unha potencial aliada nos nosos procesos de liberación. A partir da vosa experiencia, que papel pensas que xogan estes partidos?

No 2017, o PSOE apoiou as políticas represivas e a aplicación do artigo 155 da Constitución a Cataluña, é dicir, permitiu un golpe de estado co cesamento do goberno lexítimo e a disolución do Parlamento. Tamén aplaudiu a persecución xudicial das ex-presas políticas e das exiliadas. Durante o goberno do PP, o PSOE fíxolle de muleta.

Agora a esquerda de ámbito estatal está gobernando o Estado e non se notan mudanzas significativas no fondo da cuestión: continúan negando o dereito a decidir e non paran a causa xeral contra o independentismo que xa leva máis de 3.000 persoas represaliadas.

Até que a esquerda estatal non rompa todos os vínculos co réxime do 78 e sexa capaz de construír un relato propio que a achegue ás diferentes realidades dos pobos oprimidos que están dentro do Estado Español, non poderán desenvolver políticas transformadoras reais e defender abertamente o dereito a decidir de todos os pobos.

Á hora de analizar procesos como o catalán, ás veces téntase contrapor a reivindicación soberanista coa loita social. Como entendes a conexión entre a liberación nacional e a de clase? 

Os dous eixos son inseparábeis, non haberá liberación social sen liberación nacional e viceversa. Un exemplo claro atopámolo nas diferentes lei sociais (en materia de vivenda, igualdade, mudanza climática, pobreza enerxética…) que se aprobaron no parlamento catalán e o Tribunal Constitucional tombou unha tras outra. Con estas actuacións o Estado Español demóstranos que non permite sacar adiante políticas que favorezan a maioría da poboación. Só poderemos aprobar e implementar estas leis construíndo un país novo, unha república catalá onde as políticas sexan pensadas para a maioría das persoas traballadoras.

Os indultos non solucionan a situación en que se encontran máis de 3000 persoas represaliadas, a única solución é unha lei de amnistía

Os indultos foron presentados por parte do estado como a abertura dunha nova etapa para reconducir o conflito a unha solución pactada dentro do marco constitucional. Como analizas este paso?

En primeiro lugar, estamos contentas de que as presas políticas estean en liberdade, por elas, as súas familias e amizades. Con todo, os indultos en ningún caso resolven o fondo do conflito político, nin deben servir para reconducir o conflito e chegar a acordos nos despachos dos partidos. O movemento independentista vai alén dos partidos e pasaralles por riba se tentan pactar unha solución dentro dun marco constitucional onde é evidente que as nosas aspiracións nacionais, e tampouco as sociais, teñen cabida.

Tamén cómpre lembrar que os indultos non solucionan a situación en que se encontran máis de 3000 persoas represaliadas, a única solución é unha lei de amnistía (que foi vetada no Congreso, nin sequera queren debatela). 

O Estado sabe perfectamente que non conseguirá abrir unha nova etapa sen o recoñecemento mutuo en Cataluña, e iso pasa por recoñecer o conflito político, aprobar unha lei de amnistía e facer un referendo de autodeterminación.

Como dis, son xa máis de 3000 as persoas represaliadas desde o 2017. Sendo a represión un dos principais condicionantes para o avance do proceso de ruptura democrática, como se lle debería facer fronte?

Está claro que o estado faranos pagar moi caro este proceso de liberación nacional, sentiuse ameazado, cuestionado e mesmo chegou a tambalearse. Sabe que a represión é unha ferramenta que se utiliza para evitar que volva pasar o mesmo, para xerar medo e con un claro obxectivo de que deixemos de loitar. Pero non só o Estado leva a xuízo a independentistas, tamén a Generalitat exerce como acusación nalgúns casos e iso debe acabar xa.

O Estado sabe que mentres gastemos o tempo na loita antirrepresiva, non o dedicamos ao noso obxectivo principal: a loita pola construción da República Catalá.

O estado non parou a represión nin un momento, continúan aparecendo novas causas, peticións de prisión e condenas. Estes próximos meses continuaremos vendo como moitas persoas son xulgadas, algunhas con condenas firmes de prisión. Comezará unha nova etapa de confrontación co Estado e haberá que estar dando apoio a todas as persoas que loitan e sofren a represión.

Xa aprendemos, a represión non pode continuar condicionando a vida política do noso país. A loita antirrepresiva debe ser unha pata máis deste movemento de liberación nacional, unha pata que non pode para o embate cara á República Catalá dos dereitos sociais.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.