Entrevista a Laura Rodríguez Pena e Xan Carlos Oliveira, concelleiras do BNG en Sada e Fisterra.

Falamos con Laura Rodríguez Pena e Xan Carlos Oliveira das posibilidades, dificuldades e retos á hora de levar adiante políticas de transformación social nas institucións locais.
Concelleiras Sada e Fisterra

“Debemos traballar para reducir a institucionalización baseada na mera xestión e abordar transformacións máis amplas” 

Xan Carlos Sar Oliveira, Kuka (tenente de Alcalde no Concello de Fisterra) e Laura Rodríguez Pena (concelleira de Promoción Económica, Turismo e Emprego no Concello de Sada), fálanos das posibilidades, dificuldades e retos á hora de levar adiante políticas de transformación social nas institucións locais.

Cales son as maiores dificuldades coas que unha soberanista se atopa na política municipal? 

Kuka: Hai moitas dificuldades coas que topas cando te achegas á política municipal, unha da que se fala pouco é o estatalizado que está todo. Por exemplo o goberno do que facemos parte leva 7 anos en negociacións coa autoridade portuaria (dependente de Fomento) para a cesión do faro de Fisterra e todas as xestións resultan complexas ante a centralización, mesmo en termos lingüísticos atopamos problemas para dialogar co goberno central. 

No noso caso concreto a principal dificultade é gobernar en coalición co PSOE, algo que non nos permite desenvolver o noso programa e as nosas propostas e ocupa gran parte do noso tempo na xestión e negociación dos espazos e límites das responsabilidades de goberno. Á hora da realidade o PSOE actúa como un partido do réxime e iso tamén implica unha forma de facer política dista moito de como nós entendemos o traballo institucional. 

Laura: As dificuldades da acción municipalista son moitas e de moi diversa natureza, principalmente a excesiva burocratización de todo o proceso, as inercias funcionariais e obstáculos operativos nos procedementos que non se adaptan ás necesidades de xestión. Dificuldades relacionadas con ambigüidades e contradicións xurídicas da lexislación. No caso de Sada a correlación de forzas da corporación é tamén un dos maiores atrancos.

Estas dificuldades fan que os pequenos logros cotidianos non sexan quen de brillar sen ambigüidade en moitas ocasións e iso pódenos facer caer no pesimismo ou no cansazo derivado do confronto diario contra o muro de atrancos que pretende limitar o papel dos cargos electos a unha especie de “gobernismo” sen poder real de transformación. 

Como se traballa co horizonte estratéxico da República Galega no día a día dunha administración local?

Kuka: Para traballar co horizonte estratéxico da República Galega precisamos  falar moito coa xente, sobre todo coa nova e procurar criar políticas autocentradas, desenvolvendo sempre as políticas dende o noso marco de referencia, no noso caso por exemplo dende as actividades culturais.

Laura: Desde as administracións actuais a capacidade de transformar o sistema é pequena, reducida a pequenos feitos e a un carácter por veces simbólico. Penso que o verdadeiro traballo pola construción dese horizonte estratéxico está na rúa, na mobilización social de base. 

Desde as institucións debemos servir de altofalante das demandas sociais e forzar determinadas mudanzas coxunturais e simbólicas. Neste sentido os cauces de participación na vida política contan con graves carencias e segundo entendo sería necesario artellar novos xeitos que posibiliten o traballo en común a institucións coa sociedade civil organizada e a determinados axentes económicos. É dicir, traballar para reducir a institucionalización baseada na mera xestión de proxectos e abordar transformacións máis amplas nos modelos de gobernanza. 

É posíbel desenvolver políticas transformadoras nos actuais marcos administrativos dos concellos galegos?

Laura: Nos actuais marcos as limitacións son moitas, mais estas non inutilizan a política local e a súa capacidade de manobra para axudar a desenvolver políticas encamiñadas a mellorar a vida da veciñanza ou políticas que confronten a óptica neoliberal.

Non sempre se consegue, mais estou convencida que hai capacidade para facer as cousas doutro xeito. Desde os Concellos pódese traballar e tomar decisións guiadas a un modelo de sociedade máis xusto que procure medidas para a creación de emprego, a ampliación de servizos, a posta en valor dos recursos patrimoniais das nosas vilas e en definitiva políticas que axuden a dinamizar a economía local ofrecendo solucións ás problemáticas particulares de cada municipio, creando concellos que realmente sexan unha ferramenta capaz de resolver problemas en lugar de os crear. 

Entendo que para as soberanistas a política municipal non é tanto unha cuestión de status de poder como unha cuestión de principios. Sempre entendín que a acción debe focalizarse e xustificarse a partir da defensa das persoas e do seu contorno natural, social, do municipio e do País, e as institucións locais son un instrumento, unha outra ferramenta para o acadar. 

Kuka: A administración local esta deseñada para ser funcional ao centralismo mais tamén ás oligarquías. Dende as limitacións orzamentarias ou as prioridades de gasto marcadas por Madrid pasando pola xestión dos servizos que dificulta por exemplo enormemente a recuperación dos servizos privatizados e das concesións beneficiando sempre á empresa privada fronte aos intereses municipais. 

Que actitude debe manter o soberanismo en relación ao PSOE no ámbito local? 

Kuka: A actitude que ten que manter o soberanismo co PSOE no ámbito local é marcar a necesaria distancia política, evidenciar cal é o proxecto soberanista do BNG e non ceder ou pactar o mero acceso ao poder institucional se iso non implica ser capaces de desenvolver as nosas políticas. 

Cales son os retos que ten diante o soberanismo en materia de políticas locais?

Kuka: Os retos comezan por tomar as políticas locais en serio, marcar perfil propio, aplicar programas transformadores que nos permitan avanzar na defensa das clases populares, do país e da conciencia nacional. Cómpre marcar criterios nacionais que se apliquen en todos os espazos en que tomamos decisións e temos posibilidade de xestión e facelo con coherencia. 

Un concelleiro do BNG non pode por exemplo acudir a un acto pola “Hispanidade” ou celebrar o día das forzas armadas españolas por moito que represente á institución, nós debémonos ao noso programa político e á defensa dos dereitos do noso pobo. 

Laura: O soberanismo entendido como un proxecto global que aspira á República Galega ten por diante traballar dende o local na vertebración territorial, desenvolver as capacidades do país e o artellamento de solucións progresistas para a veciñanza e por extensión para unha sociedade máis igualitaria. 

Os procesos de municipalización dos servizos, pese a ser moito máis complexos do que o sentido común nos leva a pensar, deben ser un dos eixos vertebradores da nosa política municipal. Todo o sistema ideolóxico, xurídico e empresarial está montado para favorecer a privatización de servizos pero hai que seguir traballando a longo prazo neste camiño porque esta case todo por facer. 

A transición enerxética, a transición dixital, a crise demográfica e dos coidados son outros retos globais con incidencia directa no ámbito local no que os concellos xogarán un papel determinante e como soberanistas debemos liderar as alternativas políticas. 

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.