Entrevista a Santi Rodríguez Cid, labrego

“A aposta agroecolóxica é producir e non só que o produto sexa san, senón que o medio no que se produce sexa respectado e mesmo mellorado”

Santi Rodríguez Cid é labrego en Cartelle, onde recupera terras familiares e de cesións veciñais para o cultivo de horta e a produción de alimentos de tempada. Militante do Movemento Arredista e do Sindicato Labrego Galego, a súa aposta pola produción de alimentos e un rural vivo é política e de vida, pois combate as lóxicas da industria alimentaria capitalista e persegue a soberanía alimentaria para Galiza.

Novo e labrego, todo en contra para saír adiante nun país que vive de costas ao rural e expulsa as xente nova á emigración. Como é posíbel? 

A miña aposta é vivir disto. Durante moito tempo, de forma moi precaria porque é un proceso lento. Son labrego por principios e porque na miña familia os meus avós por parte de nai foron labregos e foron quen de sacar unha familia e unha casa adiante traballando as sús terras. 

Comecei hai 10 anos esta aposta vital porque non quero traballar para outros; non entendo este sistema en que nos converten en escravos e a nosa forza de traballo enriquece a outros mentres nos precariza a nós. Primeiro con gando e non me foi ben porque non sempre as cousas saen ben. Logo pasei á horta, un ano cuns amigos e agora só. Fago horta exterior con produto de tempada, que é difícil e limita bastante pero tamén así temos moi bo produto. Vendo a tendas pequenas de barrio en Ourense, así que os meus alimentos percorren 25 quilómetros só da terra á consumidora. Ás tendas chegamos polo boca a boca e pouco a pouco traballando para ter un proxecto agroecolóxico, que é para min o presente e o futuro se queremos ter un porvir. 

A que te enfrentas cando apostas por vivir no rural do teu traballo e da terra?

O máis preocupante para as pequenas explotacións, que son o futuro da nosa alimentación, son os prezos que marca a grande industria. 

É complicado subilos, e máis en Ourense, unha provincia cos salarios e as pensións máis baixas, polo que hai que meter moitas máis horas. A grande industria abafa este modelo, ten a ferramenta da PAC para manter grandísimas explotacións producindo alimentos a prezos de custe e así especular coa alimentación. Non vai ser fácil resolver isto coas políticas europeas da PAC respaldando ese modelo. 

En Ourense temos empresas como Coren, producindo excedente de alimentos de forma salvaxe a calquera custe, ambiental, social, animal e humano. Non hai máis que ver a Limia, aos que chaman cooperativistas, que son empregados secuestrados sempre a través de créditos e ao servizo deste modelo depredador. Así funciona toda a grande industria. Dá igual carne que hortícola: un modelo insostible é a maior lacra do sistema alimentario e por tanto do sistema en xeral, porque comer é algo que non podemos deixar de facer todos os días.

A grande industria abafa este modelo, ten a ferramenta da PAC para manter grandísimas explotacións producindo alimentos a prezos de custe e así especular coa alimentación.

Apostas pola agroecoloxía nun mundo dominado pola agroindustia. Que te leva a esta aposta? 

Nós facemos agroecoloxia, que non é o mesmo que os produtos ecolóxicos. Os nosos son produtos que se producen tendo en conta o mellor para a nosa contorna, non só para o produto.

Para que se entenda: en Almería, baixo un mar de plástico que seca os acuíferos, mata toda a diversidade de flora e fauna, onde empregan agrotóxicos, prodúcense alimentos con selo ecolóxico. A aposta agroecolóxica é producir e non só que o produto sexa san, senón que o medio no que se produce sexa respectado e mesmo mellorado. A agroecoloxía non é só unha aposta alimentaria, senón sobre todo política. 

Nós producimos moitos tipos de alimentos, rotamos cultivos, dependemos do tempo e do clima. Iso é complexo mais coidamos a terra e alimentámola para mellorala, o que mellora todo o ecosistema e a fai moito máis produtiva en lugar de esgotala. Cada vez vemos temos mellores terras e produción, máis biodiversidade nas nosas terras e nas augas, máis paxaros, réptiles, etc… ao tempo que lle gañamos terreo ao abandono do rural. 

Temos problemas co xabaril, iso si; é das maiores dificultades que temos, e supón esforzos, gastos… algo que hai que resolver e non mediante a caza senón de forma eficaz, permitindo a convivencia e protección de animais e labregas. 

Venda directa e mercados fronte a grandes superficies e supermercados. A túa aposta tamén é nisto un compromiso político. 

Todas deberiamos estar loitando para que as pequenas explotacións agrogandeiras fixeran venda directa produtora-consumidora. Non temos cultura disto mais ten que ser unha aposta de futuro. Mercar mesmo na propia explotación, como fan por exemplo en Euskal Herria ou nalgunhas zonas de Europa. 

A aposta ten que ser a existencia de grupos e cooperativas de consumo que fan compra directa a produtoras. Ás productoras fáltannos vías directas e formas de chegar ás consumidoras e tamén temos que buscalas. E temos que facelo todas as produtoras. Non vale que o fagamos poucas, por iso hai que organizarse. Recuperar os mercados e as feiras como tiñamos antes, onde se potencie esa relación que prescinde de intermediarias e de grandes cadeas de distribución. Non é lóxico que, nunha terra que produce de todo, só poidas acceder á alimentación a través de grandes superficies e cadeas de supermercados, que por ben que paguen son agroindustria, esixen compromisos e colocan elas os prezos forzando a mecanización ou mesmo a explotación laboral da productora. Non é un sistema xusto para as pequenas explotacións. 

Medios e institucións falan moito do abandono do rural pero pouco de medidas para contrarrestar o que nos dixeron que era o destino irremedíabel do noso rural… 

A nivel de políticas públicas, para as pequenas explotacións son absolutamente inexistentes. Só se pensa e traballa para as grandes explotacións e a agroindustria e quen diga o contrario engana. 

Existen liñas de axuda mais a letra pequena é onde aparecen os problemas, e ademais están sempre orientadas a explotacións moi distintas ás pequenas ou familiares como a que eu teño. Pagan tarde e esixen moito para o modelo que nós temos, obviamente porque é un modelo que non interesa. 

Hai algunha axuda mínima mais non supón en ningún caso a diferenza. Eu pedín, por exemplo, para o pastor eléctrico de 4 hectáreas que teño, porque preciso o dobre do que cultivo para rotar a produción, teño a superficie en dous núcleos diferentes e concédenme para un pastor eléctrico. A día de hoxe traballo con tres pensando xa no cuarto.

Agora co banco de terras falan duns polígonos agroforestais para xuntar moita superficie de terra pero moito me temo que é para darlle a Coren ou Greenalia ou para que Ence poida plantar eucalipto. 

Moito se fala da Política Agraria Común de Europa. Como lle afecta a un labrego cunha explotación familiar como a túa? 

Falamos moito da PAC e eu creo que ninguén sabe moi ben que é iso, nin labregas, nin políticos, nin quen nos axuda mesmo a facer o papeleo para presentala. Preparan agora unha reforma, e desde o sindicato estamos intentando que se escoite a nosa voz. Tendo en conta que as políticas da PAC van modular todo o noso rural, sorprende que non sexa un tema central na axenda.

O que parece é que vai ser o mesmo pintado de verde, como todo o que fai o capitalismo neste momento histórico, mais na liña que xa coñecemos: máis cabezas de gando, más superficie explotada, máis mecanización, máis do mesmo para os grandes produtores e terratenentes. Sempre asociado á superficie, favorecendo a grande industria e producións a baixo custe, miseria e explotación.

A min o ano pasado déronme 120€ da PAC. Iso a min de que me serve? Eu quero prezos dignos, venda directa e que metan iso onde queiran.

Es parte do Sindicato Labrego Galego. Que vantaxes ten estar organizada?

O sindicato para min é o mellor que me puido pasar; organizarme e ter apoio e forza colectiva para tirar adiante cando a cousa é dura. Sobre todo para quen facemos isto por ideoloxía, porque cremos que hai que mudar a produción alimentar e o sistema.

Hai outros sindicatos, os de “empresarios da agricultura”. Que defenda ás labregas coma min só este. A secretaría xeral é labrega, coma min, e iso é o mellor exemplo que podo dar. Eu animo a todas as pequenas explotacións a que se sindiquen e organicen, porque é a mellor forma de facer fronte ao sistema. 

Hai poucas labregas nos parlamentos… 

Por iso non se fala disto e a sociedade non coñece a nosa situación. Non vale ter unha horta e vivir na aldea; ser labrega é outra cousa e precisamos facernos escoitar. Cantas labregas pasaron polo Parlamento Galego ou o Congreso do Estado Español? Poucas. Un par na pasada lexislatura pero nin moitas antes nin agora. Como imos facer así que nos entendan ou defendan? Como van chegar á xente para defender o noso se nin son labregas nin saben o que precisamos?

Cómpre que favorezan que esteamos aí, que falemos coa noza voz; non vale a foto de campaña e dicir o que se quere para o rural. Hai moitas labregas implicados en política mais parece que é sempre mellor tirar de funcionarias. A ver quen vai producir a alimentación neste país se quedamos sen labregas.

Quero engadir que precisamos a implicación de todas. Estamos falando do único imprescindible para a vida: a comida. Temos que meter iso na cabeza e defendelo, e defender o modelo que queremos para a nosa alimentación. Ten que ser unha prioridade para todas. Nós soas, as labregas soas, non podemos.

Comparte:

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.