Entrevistamos a Lucía Freire sobre o VIII Congreso da CIG

Entrevistamos a Lucía Freire, militante do Movemento Arredista e membro da executiva Confederal da CIG sobre a situación da clase traballadora galega os retos que ten por diante o sindicalismo nacionalista de clase.

O vindeiro 9 de outubro terá lugar no Pazo de Congresos de Compostela, o VIII Congreso da CIG. Nel participarán máis de 600 delegados e delegadas eleitas nas distintas federacións e comarcas do sindicato. Ademais están convidadas a participar máis de 20 delegacións internacionais convidadas, entre elas a CGTP de Portugal, os sindicatos vascos ELA e LAB e representantes de países latinoamericanos coma Cuba e Uruguai, ademais de representantes do Sáhara Occidental e de Palestina.

Entrevistamos a Lucía Freire, militante do Movemento Arredista e membro da executiva Confederal da CIG sobre a situación da clase traballadora galega os retos que ten por diante o sindicalismo nacionalista e de clase que afronta este VIII Congreso.

Que análise podedes facer do contexto sociolaboral no que se vai desenvolver o VIII Congreso da CIG?

A inacción do goberno do estado español, autonomeado “goberno máis progresista”, á hora de derogar as reformas laborais, das pensións ou da negociación colectiva, levadas adiante tanto polo PP como polo propio PSOE desde o ano 2010,  está provocando que a clase traballadora vexa recortados cada vez máis os seus dereitos laborais. A isto hai que sumar que na Galiza o progresivo aumento do desmantelamento industrial que padecemos e a inexistencia dun plan de recuperación económica están provocando unha taxa elevada de desemprego na nosa terra e un índice moi alto de emigración da nosa mocidade. 

Diante deste panorama absolutamente desolador, o Goberno da Xunta de Galiza está desaparecido, mentres que por parte do Goberno do Estado non se está a adoptar ningunha medida que realmente contribúa a mudar a situación, limitándose a intentar adormecer e desmobilizar a clase traballadora xerando falsas esperanzas a base de pequenas “pílulas” (subida miserenta do SMI, insignificantes reformas en materia de conciliación…) ou simplemente manifestacións, pretendidamente, cheas de boas intencións a futuro que nunca chegaran a bo fin.

A toda esta situación temos que engadir os efectos da xestión da COVID-19 por parte tanto do Goberno do Estado como do Goberno da Xunta de Galiza. Xestión que se vén caracterizando polo emprego das medidas máis reaccionarias acordadas polo Goberno reaccionario de Mariano Rajoy, entre elas a reforma laboral, a lei mordaza  e moitas outras.

Fronte a esta situación, cales son as saídas que desde a corrente que integras considerades que son as máis axeitadas?

Somos conscientes de que o clima que se pretende construír desde os gobernos galego e central, asi como desde a inmensa maioría dos medios de comunicación, é dunha total desmobilización tanto social como no mundo do traballo. 

Mais tamén somos conscientes de que só por medio da mobilización vai ser posíbel reverter a situación que estamos a sofrer a clase traballadora galega, neste senso cómpre redobrar os esforzos para combater a involución social e laboral, parar a desindustrialización do noso País, conquistar melloras laborais reais e desenmascarar as pantomimas do chamado “goberno de progreso”. 

O “non facer” o quedarse parados fronte a regresiva situación que estamos a sofrer a clase traballadora non pode ser, e nunca o foi, a alternativa, por iso e para pór freo a desindustrialización do noso País, para derogar as reformas laborais e das pensións, para mudalo todo na xestión da COVID-19, na procura dunha saída da crise na que a Clase Traballadora Galega, na que o Pobo Galego, saia fortalecida e gañe en dereitos faise preciso contestar e contrarrestar ás políticas que actualmente están a emanar desde os gobernos central e galego mediante as necesarias campañas de concienciación e socialización da nosa análise sobre a realidade actual que nos permita combater a situación que estamos a sofrer coa mobilización da Clase Traballadora Galega sen descartar ningunha ferramenta e sen pór límites á concreción das medidas mobilizadoras.

Existe unha única candidatura de consenso entre as distintas correntes que conviven dentro do sindicato, que opinades disto desde a corrente que integrades as militantes do Movemento Arredista?

Entendemos que diante dun contexto tan negativo coma o que estamos vivindo no eido laboral, dentro do sindicato temos a responsabilidade de fuxir de loitas e enfrontamentos internos, temos que fuxir de posicións sectarias e hexemonistas, e temos que ter claro que os nosos verdadeiros inimigos  están fóra da CIG capitaneados polo gran capital que se agocha tras as máscaras do PP, de VOX, mais tamén do PSOE e de Podemos. 

Que existan correntes dentro do sindicato significa sumar e non restar, significa aprender e enriquecérmonos coa creación de debate e as diferentes perspectivas que temos, debemos fuxir da creación de loitas internas que non levan a nada máis que a propia destrución.

A soberanía é unha ferramenta imprescindible para a mellora das condicións de traballo do noso pobo. Desde a corrente da que fas parte detectades a falta de coordinación dentro das organizacións soberanistas?

Somos conscientes de que o que precisa a clase traballadora galega, e que só se acadaría coa soberanía e a autodeterminación, é o control dos sectores produtivos e reverter ao público todos aqueles sectores que foron privatizados e que son fundamentais para o desenvolvemento de Galiza. Polo tanto, entendemos que agora máis do que nunca e no actual contexto histórico que estamos vivindo, que todo isto pasa pola creación dunha mesa de interlocución entre as distintas forzas soberanistas galegas para tentar que vaiamos cara ese obxectivo común: acadar a soberanía para Galiza

Desde o Movemento Arredista defendemos que o feminismo é fundamental en todos os ámbitos, que papel debe desenrolar dentro do mundo laboral?

O papel do feminismo tamén debe ser fundamental no eido do traballo, as loitas feministas dentro do sindicato non se deben limitar a mobilizármonos  os 8 de marzo ou os 25 de novembro. Sendo conscientes  de que a formación feminista é chave, neste senso temos que ter claro que o feminismo debe estar presente dentro do sindicato para que se vexa refletido en cada centro de traballo onde temos representación, en cada negociación de convenio, en cada reunión das seccións sindicais, de comités de empresa onde esteamos presentes, en cada loita sindical que iniciemos. Porque para que o panorama mude, para que o machismo no mundo laboral desapareza é preciso  traballar desde a base, coa concienciación da nosa afiliación e da nosa representación sindical. Sen esa concienciación e formación feminista non se entenderían nin se levarían adiante as loitas das traballadoras da limpeza da Xunta de Galiza ou das traballadoras do Grupo Inditex.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.