Artigo da Comisión Nacional de Feminismo do Movemento Arredista
A Marcha Mundial das Mulleres, 25 anos de historia na Galiza
A dimensión que hoxe acada o movemento feminista, tamén o galego, era impensábel hai 25 anos, cando nacía a Marcha Mundial das Mulleres. En base ao éxito da marcha realizada no Quebec en 1995 durante dez días, a Federación de Mulleres do Quebec propuxo en 1998 unha nova acción a escala internacional. Como resultado levouse a cabo unha campaña global que percorreu o mundo e que levou a entregar, o 17 de outubro do 2000, cinco millóns de postais na sede da ONU reclamando o fin da pobreza e da violencia contra as mulleres.
A rede de contactos creada a partir destas experiencias consolidouse nos anos seguintes como un movemento permanente: a Marcha Mundial das Mulleres.
O contexto internacional no que se deu este nacemento era o do inicio dos movementos altermundistas coas protestas de Seattle (1999) contra a Organización Mundial de Comercio (OMC) e as crecentes críticas dos movementos sociais ao FMI e o Banco Mundial. Nacía neses anos o Foro Social Mundial coa primeira edición celebrada en Porto Alegre (Brasil, 2001) baixo o lema “Outro mundo é posíbel”, conectando movementos e organizacións de todo o planeta nun espazo que nacía como contrapeso social ao Foro Económico Mundial de Davos. E como pano de fondo sonaban xa os tambores da guerra no Iraque (2003).
Na Galiza, Fraga Iribarne aproximábase a cumprir unha década no poder (1990-2005) cunha crecente mobilización social que articularía nos anos seguintes o Movemento Nunca Máis (2003) e a Plataforma da Mocidade pola Paz fronte á guerra do Iraque.
O Movemento feminista galego articulábase na AGM (Asociación Galega da Muller, 1976) e en MNG (Mulheres Nacionalistas Galegas, fundada no 1984 por mulleres do BNG) que artellaban naquela altura as soberanistas. Na década dos 90 existiu na Galiza unha Coordenadora Nacional de Colectivos Feministas locais que, ademáis de tentar coordenar certa axenda política lanzou a revista Andaina no 1983. Nese contexto foi no que se acolleu o chamado da Federación de Mulleres do Quebec a realizar a acción do ano 2000 (con 5 millóns de postais entregadas na sede da ONU) e que deu paso á constitución da Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, á que se incorporaron os colectivos existentes.
As primeiras accións na Galiza tiveron lugar en 2001 arredor do 24 de maio, día internacional das mulleres pola paz e o desarme, coordinando accións en diferentes cidades e vilas. Nacía así o que hoxe definiríamos como unha plataforma feminista de carácter anticapitalista, antiimperialista, antirracista e autocentrada que colocou o feminismo e as mulleres galegas en pé de igualdade coas compañeiras do resto do mundo. Especialmente importante foi -e é- o carácter antiimperialista da Marcha Mundial das Mulleres e a claridade á hora de defender a soberanía e o dereito de autodeterminación dos pobos. Non por acaso incorpora na súa estructura mundial a Palestina, o Sahara Ocidental, Quebec, a Galiza, Catalunya, Euskal Herria ou o Curdistán.
A Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza realizou un intenso traballo nos anos posteriores á súa creación. En 2003 convocouse unha manifestación nacional de mulleres en Cee co lema “Nen guerra, nen machismo, nen mareas. Nunca máis chapapote patriarcal”. Un ano antes acolleu o Encontro Europeo (2004) como preparación para o Encontro Internacional, que reuniu na Galiza mulleres dos cinco continentes para trazar unha estratexia común e loitar polos dereitos das mulleres desde posicións anticapitalistas cando aínda non existía a conectividade e a facilidade que hoxe aportan as ferramentas dixitais.
Ao longo destes 25 anos de historia a Marcha Mundial das Mulleres ten contribuído a axuntar unha resposta común fronte aos feminicidios, a consolidar o 8M e o 25N como datas de reivindicación e loita de rúa, a consolidar datas de reivindicación como o 24 de maio ou o 17 de outubro (Día internacional contra a pobreza), a interpelar as institucións do país para conquistar dereitos e manter os dereitos conquistados mais, sobre todo, a dar voz ao feminismo galego en foros internacionais de todo tipo, reforzando unha voz nacional que favorece unha axenda propia fronte á imposición permanente da axenda española e o seu aparato mediático.
Tanto nos seus momentos de maior expansión como nos de crise de militancia, como a vivida polo conxunto do movemento político do país, a voz da Marcha Mundial das Mulleres mantivo a independencia política e o horizonte soberanista na axenda do feminismo galego. Hoxe en día é a única organización feminista da Galiza con dimensión nacional que mantén posicións anticapitalistas, antiimperialistas e anticoloniais con vocación de construír unha axenda de país que contribúa para a mellora da vida das mulleres galegas e para a emancipación nacional.
Esta situación de dependencia, tamén no ámbito feminista, cunha clara axenda imposta desde o centralismo, é un dos retos que temos pendentes e que debemos atallar para poder avanzar na construción do ideario nacional galego. Debemos achar as fórmulas para facer feminismo que nos interpelen como pobo, que nos atravesen no diario. Estes son os retos que acompañarán o feminismo galego e a Marcha Mundial das Mulleres nos vindeiros anos.
Feminismo ou barbarie
Como feministas revolucionarias temos analizado que a orixe da opresión que nos atravesa está na orixe do modo de produción capitalista e do patriarcado. Esta orixe non se pode explicar como dous factores illados senón como dous procesos que se complementan.
Facemos nosa a loita contra o patriarcado no marco capitalista, entendendo que só coa superación deste marco e a abolición do xénero podemos superar a opresión e a explotación. Recollemos a tradición marxista das que nos precederon e acollemos a análise material como a mellor ferramenta para comprender a realidade que nos ocupa. Temos o labor de analizar a realidade e buscar as mellores ferramentas para incidir nela. Tamén no feminismo debemos aspirar a ser vangarda e sermos quen de trasladar as nosas posicións políticas en todos aqueles espazos en que operemos no feminismo.
Como organización revolucionaria, debemos aspirar a formarnos constantemente neste aspecto, sermos quen de construír os métodos para analizar a realidade, para ser quen de dar solucións no concreto e non ficar estancas nun feminismo performativo que opera só no virtual dúas veces por ano.
Por iso organizarse é máis importante cada día. Vainos a vida en procurar formas de facelo nun contexto de máxima explotación no que sabemos que imos ser as mulleres as máis castigadas. Debemos procurar tempos para a reflexión, a formación, o debate e acción política, organizarnos e construír unha resposta que faga fronte ás lóxicas do capitalismo e do patriarcado para construír unha sociedade xusta que non deite sobre as mulleres o sostén da vida, que nos permita vivir libres de violencias, que nos faga pasar á ofensiva.
Militar nun feminismo socialista é para nós a forma máis eficaz de combater a alianza patriarcado-capitalismo. Só organizadas somos quen de dar a batalla polas nosas vidas.



