Internalización do servizo de limpeza da USC: unha vitoria da clase traballadora

Cómpre situarmos a orixe do conflito a finais do ano 2017 diante da pretensión de dividir esta contrata de limpeza en diferentes lotes, algo que por parte da equipa reitoral da altura se pretendía publicitar como un xeito de abaratar os custes da contrata á vez que dicían facilitar o aceso a esta licitación das pequenas e medianas empresas. A realidade é que o que se pretendía era fraccionar o servizo para dividir as traballladoras co único obxectivo de precarizar as condicións laborais do persoal e rebaixar os custes do servizo.

É neste momento, diante deste ataque á clase traballadora, cando desde a CIG se propuxo e defendeu, primeiro no seo do Comité de Empresa da Limpeza da USC en Compostela e logo na Asemblea de Traballadoras, iniciar mobilizacións para demandar a internalización deste servizo, algo que quedou plasmado na consigna “Rescate SI, Lotes NON!”, marcándonos como primeiro obxectivo que a licitación do servizo en lotes non fose adiante. Para iso empregamos tanto as vías xudiciais –que se amosaron infrutuosas- como a mobilización para intentar que a contrata quedase deserta, algo que se logrou diante do medo das empresas a acceder a un servizo “conflitivo”.

Foi esta loita das traballadoras contra a precarización das súas condicións de traballo a que conseguiu que o conflito veña de resolverse en 2021, despois de anos de mobilización e traballo sindical.

Co acordo para a internalización coa USC que será efectivo este mes de setembro conséguese mellorar as condicións de traballo, a prestación do servizo de limpeza e supón un paso adiante na recuperación de servizos para mans públicas a través de novas fórmulas e estratexias.

Un paso adiante colectivo que ten que marcar a liña a seguir nos próximos anos, tanto na loita sindical como na política, para facer realidade a tantas veces repetida necesidade de remunicipalización de servizos coa súa recuperación para mans públicas.

O exemplo deste logro acadado por traballadoras e sindicato coloca os retos que nos próximos anos deberán abordar os gobernos nacionalistas algo máis preto, abrindo novas fórmulas e vías de traballo para unha tarefa sen dúbida difícil no marco administrativo e lexislativo do Estado Español mais hoxe algo máis próxima con esta vitoria.

Máis unha vez a loita e o compromiso das traballadoras e da CIG amosan que é posíbel avanzar na defensa dos dereitos colectivos fronte a retos que poden parecer inalcanzábeis se hai traballo, constancia, valentía e sobre todo audacia á hora de abrir camiños novos. 

Un paso adiante colectivo que ten que marcar a liña a seguir nos próximos anos, tanto na loita sindical como na política 

Diante das dificultades que se podían xerar desde un punto de vista legal, a fórmula que finalmente foi empregada para a reversión do servizo de limpeza externalizado nos anos 80 foi refundar a Fundación USC e constituíla como “medio propio” da universidade e que esta sexa 100% pública. E foi posíbel pola loita das traballadoras e pola aposta orixinal e imaxinativa da demanda da CIG, á que se sumaron outros sindicatos. Desde a CIG e as traballadoras enténdese este proceso como “unha ponte” para acadar o obxectivo de que, finalmente, o persoal adscrito a este servizo remate sendo Persoal Laboral da USC.

Non han faltar ataques, mesmo nos xulgados, para tratar de impedir esta internalización, mais as traballadoras do servizo e a CIG con elas non van permitir que lles rouben o conquistado.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.