O lugar sen fala

Artigo da Mesa Nacional de Isca! sobre o lugar de fala como chave fundamental para facer política transformadora.
Lugar sen fala

Mesa Nacional de Isca!

Unha das primeiras cousas que se lle quita aos grupos oprimidos é o altofalante para poder tratar as cuestións que lles afectan de forma directa. A raíz desta ausencia de espazo, naceu hai poucos anos o concepto de lugar de fala, sendo algo que vén existindo desde os comezos das sociedades mais que comezou a se teorizar como tal por autoras feministas a partir dos anos 70.

Para falarmos do concepto do lugar de fala, debemos primeiro facer un pequeno percorrido pola teoría de Gramsci sobre a hexemonía cultural. Como o propio autor a definía, a hexemonía cultural é un conxunto de ideas dominante dunha determinada coxuntura social, política, cultural e económica.  A hexemonía cultural non é permanente, mais o Estado e os seus líderes, son o resulatado dese sumatorio de forzas en disputa, isto é, o goberno é o resultado das ideas dominantes. A hexemonía é o conxunto das funcións de dominio e dirección exercido por unha clase social dominante, no transcorrer dun período, sobre outra clase social e até sobre o conxunto das clases da sociedade. 

O concepto de lugar de fala refírse, en esencia, á autoridade que unha persoa posúe para falar desde unha posición social sobre cuestións que a atravesan en tanto que fai parte dun grupo oprimido. A idea central no lugar de fala é que, mesmo que diferentes persoas poidan comprender a opresión e debater ou teorizar sobre a mesma, a oprimida é quen debe ter a fala.

As ideas que desenvolve Gramsci na teoría sobre a hexemonía cultural explican como esta responde aos intereses da clase dominante, é nesta conceptualización na que colocamos o termo  de lugar de fala. Isto é, as sociedades seguimos reproducindo as dinámicas hexemónicas que impeden que exista este lugar de fala e que se escoiten as voces disidentes. 

Falamos de clase dominante como un grupo que controla as situacións sociais que crean e reproducen que as oprimidas sexan tratadas con desigualdade. Non necesariamente esta actitude de control e de poder é consciente, moitas veces está relacionada coa perpetuación das prácticas aprendidas e as posturas que condicionan os beneficios sociais destas desigualdades. A cuestión da opresión pode vir por diferentes frontes, sempre atravesada pola de clase.

Vemos, ao analizar a sociedade, que os grupos oprimidos seguen a ser minoritarios en espazos políticos, sendo menos representados e, por consecuencia, menos escoitados. É neste momento no que entra o lugar de fala.  A teoría de Gramsci explica que a hexemonía cultural fai que as producións intelectuais, debates e voces destes grupos sexan tratadas de modo inferior, facendo que as condicións estruturais as manteñan nun lugar silenciado. 

Así, nace a idea do lugar de fala, que tamén ten como obxectivo dar visibilidade a grupos cuxa cosmovisión non fora considerada durante moito tempo. Obxectivamente desde o auxe do movemento feminista a nivel mundial, houbo avances na presenza de grupos oprimidos en espazos visibles, mais hai unha falsa conciencia sobre o lugar de fala e o papel das oprimidas nas loitas que constrinxe o capacidade das oprimidas e reduce o seu potencial transformador. 

Desde unha perspectiva feminista, vemos a importancia que ten a fala no momento de dar o debate, ese lugar polo que loitamos, esa concesión (que non debería selo) é fundamental para nós. Ese lugar que, en realidade, raramente sentimos propio. 

O lugar de fala nos espazos máis ideoloxizados debería ser unha chave fundamental para facer política transformadora na que todas as voces teñan o seu lugar, mais isto non acontece así,  en moitos casos pasa por un simple trámite burocráctico no que nos é “cedido” o lugar de fala para cuestións puntuais. 

A maior parte das veces na que se nos concede o lugar de fala é en espazos públicos, isto non é casual, responde a unha lóxica de acumulación de capital social. Somos escaparates para o exterior mais non hai unha vontade real de escoita silenciosa para o que temos que dicir, existimos no seu mundo porque só nós podemos ser ese movemento do que non poden formar parte. 

Ser parte da opresión non agrada a ninguén cando ten conciencia política. Entendémolo, ninguén gosta de ser parte dunha estrutura que oprime e agudiza as desigualdades mais é o que somos, todas, algunhas máis e outras menos, mais facemos parte do mesmo sistema e en moitos casos, reproducimos as súas lóxicas. Por iso é importante o lugar de fala, a escoita silenciosa, o respecto, porque para ser transformadoras precisamos de todas nós, sen que ningunha quede fóra, sen que ningunha loita teña menor valor do que outra. 

Como militantes temos a obriga e debemos ter o compromiso de revisar se de verdade estamos dando o lugar de fala ás nosas compañeiras, porque temos que estar xuntas para acabar con toda opresión: de xénero, nacional e de clase. 

Instruídevos porque precisaremos de toda a nosa intelixencia;

conmovédevos porque precisaremos de todo o noso entusiasmo;

organizádevos porque precisaremos de toda a nosa forza.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.