Karina Ochoa Muñoz visitou hai uns meses o noso país da man da Marcha Mundial das Mulleres. É Doutora en Desenvolvemento Rural pola Universidade Autónoma Metropolitana (UAM) e forma parte do colectivo La Guillotina. Colaborou nas publicacións “Conceptos clave en los estudios de género” e “De lo postcolonial a la descolonización. Genealogías latinoamericanas”, e coeditou “Tejiendo de otro modo: Feminismo, espistemología y apuestas decoloniales en Abya Yala”.
Falamos con ela interesándonos pola análise sobre a situación política no continente e o seu papel no escenario internacional. .
A finais de 2015 numerosas experiencias de gobernos chamados “progresistas” cumprían casi unha década, o que levou a falar de “década gañada” ou “marea rosa” nun continente en que históricamente a dereita controlou as institucións. Como analizas este período?
O primeiro é contextualizar o que pasa na rexión latinoamericana a partir das últimas dúas décadas do século XX, que viviu un intenso proceso de liberalización das economías que sen dúbida estivo acompañado dun proceso de desmantelamento das dictaduras militares onde aínda existían e no empuxe dos chamados procesos de transición democrática que permitiron que os estados latinoamericanos se incorporasen ás novas regras do xogo global.
O paradigna ou proxecto a seguir destas transición miraba ao espello da transición española e todas as presións e negociacións coas instancias internacionais levaron a estos gobernos democratizadores a implementar as chamadas políticas de axuste estructural no marco do neoliberalismo.
Beni Mendoza menciona que a década dos 80, que en América Latina foi considerada a década perdida, caracterízase por un sucesivo retorno das democracias electorais. O exemplo que pon a autora é Arxentina en 1983, Uruguai e Brasil no 1985, Chile 1989 e tamén Paraguai. En países como Perú e Honduras a democracia electoral retornara uns anos antes a principio dos 80. Unha das cualidades que atopa Beni Mendoza nestes procesos de transición é que as democracias electorais conservaron as mesmas funcións que os reximes militares autoritarios ao mesmo tempo que lograron impor os proxectos neoliberais.
Na década dos 90 prodúcese a emerxencia dun movemento indíxena moi importante a nivel continental, tamén dende a negritude, a través da campaña “500 anos de resistencia indíxena, negra e popular” e con estes movementos aparecen tamén outros de resposta ás políticas de axuste estrutural que provocaran un adelgazamento dos estados e dun estado de benestar que nunca chegou como tal a América Latina.
Os estados nacionais latinoamericanos víronse tamén impactados pola mobilización de sectores populares racializados que non tardaron en organizarse e articularse na campaña que comentei, pero tamén existiron outras expresións de resistencia como a protesta popular zapatista coa insurrección do EZLN en México, as revoltas encabezadas pola Confederación de Nacionalidades Indíxenas en Ecuador , as mobilizacións pola paz en Colombia que foron organizadas fundamentalmente por mulleres, a emerxencia do movemento negro no Brasil, as revoltas pola defensa dos recursos naturais en países como Bolivia, Ecuador, Chile, Arxentina e Guatemala, así como expresións civís antisistémicas dos chamados movementos globalifóbicos.
Este ciclo político onde o papel dos movementos sociais e das revoltas que se xestaron en América Latina digamos que se globaliza, péchase con moitas apostas que comezarán a ter presenza en términos dos partidos da esquerda en América Latina. O que veremos a finais dos 90 e principios dos 2000 son xustamente a configuración da esquerda que vai incoporar parte das demandas e experiencias de loitas previas en proxectos políticos que se lanzarán á escena electoral.
Desde a esquerda sempre observamos a Cuba e máis recientemente a Venezuela como referencias nos procesos de emancipación e descolonización en América Latina. Que papel xogan os seus procesos revolucionarios na articulación de alternativas políticas nocontinente?
O primeiro caso deste ciclo do que falaba é o de Venezuela que xorde logo dunha importante mobilización e despois de que Chávez entendera que a esa demanda compría darlle unha expresión popular, lanzándose á disputa electoral e gañando. O goberno chavista ten unha gran peculidaridade na forma en como procesa ese triunfo electoral e como proxecta unha aposta política en Venezuela que vai ter efectos moi importantes tamén para a articulación das esquerdas en América Latina.
Veremos despóis a chegada de Evo Morais ao poder, a chegada dunha personaxe como Lula no Brasil que ven con moitos vínculos cos procesos sociais, e veremos tamén en Arxentina e Ecuador a chegada dunha esquerda que vai ser coñecida como a esquerda progresista.
E cada goberno progresista debe ser analizado dende as súas propias peculiaridades. Temos o caso de Paraguai co presidente Fernando Lugo que é moi emblemático e diferente aos casos de Arxentina, Bolivia, Brasil ou o Ecuador con Correa. E aínda que os podamos ver como procesos en bloque cómpre analizalos un a un. O que veremos despóis son procesos que van a tentar frear o avance desas esquerdas.
Cales cres que foron as chaves do que veu despóis?
Por un lado os chamados golpes de estado blancos que foi por exemplo o que executaron contra Dilma ou previamente en Honduras no 2009 contra Manuel Zelaya. O caso hondureño é moi especial porque xustamente é o primeiro intento de golpe de estado blanco parlamentar no sentido dun golpe maquillado dende argumentacións legais. Este tipo de estratexias que están moi planeadas entre as élites locais e os EUA acabaron tendo efecto en varios países.
A outra estratexia ten que ver cunha serie de campañas internas que van diminuíndo as lexitimidades e a forza coa que chegaron os gobernos progresistas ao poder, como no caso de Arxentina no que logo dun proceso electoral pérdese a presidencia. Isto ten que ver con como as apostas destes gobernos chamados progresistas tiveron un impacto importante sobre certos sectores empobrecidos das poboacións pero finalmente estas poboacións que se viron beneficiadas de certas políticas terminaron votando na súa contra. Creo que nestes casos deberamos analizar goberno a goberno pero hai que entender que o problema sustantivo destes gobernos é que non tiñan como pretensión unha transformación radical da lóxica dos estados.
Venezuela é un caso diferente e dalgún xeito tamén Ecuador e Bolivia que lograron levar a cabo mudanzas estructurais aínda sen desmontar na súa totalidade os estados, pero que a través de congresos constituíntes fixeron reformas importantes que impactan na propia configuración dos estados. Creo que un dos casos paradigmáticos que vale a pena analizar é Venezuela coa proposta e execución das reformas que dan orixe ao que se chama poder popular ou quinto poder.
Precisamente é Venezuela quen se vai ter que enfrontar a unha loita feroz por parte dos EUA que impón un brutal bloqueo económico como o que se aplicou a Cuba no seu momento, e que terá efectos importantes sobre a posibilidade de permanencia do proxecto bolivariano.
A raiz do recente ciclo de mobilizacións e dos resultados electorais do último ano (Perú, Honduras, Chile, Colombia, e probábelmente Brasil) parece estarse vivindo un novo ciclo con semellanzas con aquel e con un crecente protagonismo popular. Cales cres que son as chaves desta nova fase e que papel pode xogar ante o panorama internacional que se presenta? Ábrese a posibilidade a unha nova fase de integración latinoamericana?
Logo dunha década longa comézase a falar da caída da contención ou derrotas dos gobernos progresistas e aí atopamos un período de refluxo importante no que estas estratexias que mencionei de golpes de estado e derrotas electorais colocan un impás no avance das esquerdas progresistas. Hoxe fálase dun segundo momento ou segunda onda de avance deses gobernos cos resultados dos últimos procesos electorais en Honduras, Chile, Colombia ou antes Perú, e agárdase que a caída de Bolsonaro sexa parte da suma nesta segunda onda que podemos decir que se iniciou co goberno de López Obrador en México.
Porén, paréceme -e hai aportes moi interensantes dende Venezuela neste sentido- que hai que facer un balance para entender que pasou con eses gobernos que foron chamados do Socialismo do século XXI ou con eses gobernos progresistas tan diversos e complexos desa primeira onda. É parte dos desafíos que nos imos atopar con estes outros gobernos que nos últimos anos están tomando o poder en América Latina e obviamente están enfrentando as problemáticas que outros enfrentaron na primeira onda. Cales son as chaves desta nova fase e que papel xoga o panorama internacional é algo que esta sobre a mesa.
Cal cres que pode ser o papel que a OTAN xogue no teu continente vendo a política de expansión que está consolidando baixo o liderado dos EUA, que sempre considerou a rexión o seu “patio traseiro”?
Sen lugar a dúbidas o novo panorama xeopolítico que se comeza a mover coa guerra en Ucraína vai ser un marcador importante de cara onde se poden ir movemento estos gobernos progresistas. Lembremos que América Latina foi considerada sempre o patio traseiro dos EUA e hoxe no proceso que se está a dar a nivel global estase obrigando de algunha maneira a Europa a someterse ás mesmas políticas que se aplicaron contra países ou rexións como América Latina. Os EUA van tentar garantir a toda costa a permanencia da súa hexemonía sobre América Latina pero vai ter que enfrentar gobernos como os de Venezuela e Bolivia que teñen tratados comerciais e convenios importantes con China por exemplo.
Hoxe a disputa ten centralidade en Europa a través do que pasa en Ucraína porque Europa, quizáis por primeira vez en moito tempo, vaise ter que someter ás políticas hexemónicas norteamericanas, á compra de enerxéticos directamente aos EUA baixo prezos de monopolio e isto vai ter importantes implicacións. Mas o mesmo tempo os EUA van exercer unha presión imporante para que América Latina continúe sendo un territorio onde a súa hexemonía prevaleza.
Acho que o escenario da posibilidade das articulacións das esquerdas en América Latina con gobernos de esquerda a nivel mundial vai ser relevante para que comecemos a formular non só alternativas nacionais senón a pensar como nos posicionar hoxe fronte á nova xeopolítica mundial que esta trazada polas estratexias dun imperio esgotado e vencido, mais que como imperio ferido esta tentando a toda costa recuperar o seu poder.
Cales son os retos que o novo ciclo de gobernos progresistas enfronta?
Penso que o que hai que colocar na mesa de reflexión das esquerdas e dos movementos sociais, logo de dous anos de distanciamento social e de políticas de separación colectiva pola pandemia da COVID, é como construímos “quefaceres” políticos que poñan no centro unha crítica ao colonialismo e ao neocolonialismo.
No caso de América Latina as mobilizacións rexionais e locais e as loitas contra os proxectos extractivistas estan mobilizando e as loitas nacionais fican desdibuxadas, é no local onde vemos maior mobilización e resistencia abordando problemáticas que teñen que ver con lóxicas globais (extractivismo, recursos enerxéticos…) que teñen efecto sobre as realidades locais.
É importante considerar como as apostas políticas das esquerdas teñen que pasar por unha crítica decolonial ao mesmo tempo que por un debate sobre que pasa a nivel global e como impacta na dimensión local para organizar a resistencia. E por outro lado faltaría un pé se non colocáramos na axenda o debate antipatriarcal articulando cos movementos feministas que son dos poucos que seguen medrando e teñen unha mobilización constante a nivel global, non só para a axenda social senón tamén para reforzar as apostas electorais da esquerda.