Artigo da Mesa Nacional de isca!
Vivimos uns tempos de relativa desmobilización da mocidade galega e de notábeis dificultades para a súa incorporación á militancia pola emancipación nacional e de clase. Esta tendencia non é allea ás dinámicas que exceden o noso marco nacional concreto, como por exemplo a asunción de posicións abertamente reaccionarias en sectores crecentes da mocidade, a pesar do tecido organizado nacionalista e popular que temos no noso país. Porén, iso contrasta coa emerxencia de círculos cun programa de máximos, aparentemente capaces de articular unha parte significativa dos sectores máis ideoloxizados da mocidade a partir da súa retórica pretendidamente revolucionaria, mais que ao mesmo tempo, polo seu discurso e polas súas escollas formais, semellan erguer unha barreira co resto das masas e até con outros sectores ideoloxizados.
Diante deste panorama, cómpre reflectirmos sobre as potencialidades e límites da militancia revolucionaria na Galiza de hoxe, particularmente focalizado no movemento xuvenil, comprendendo as raíces dos nosos problemas actuais así como as tarefas para avanzarmos na súa superación. Desde ese punto de vista, constatamos que aínda non temos a ferramenta de vangarda capaz de fusionar o socialismo e o independentismo coa práctica das masas, embora haxa espazos políticos, como o noso, que procuran traballar nesa dirección. Nese sentido, precisamos erguer unha liña política que nos aproxime a eses obxectivos.
Para avanzarmos nese camiño, un ámbito prioritario é a loita ideolóxica que nos permita clarificar aspectos centrais para a nosa praxe política sobre a base dunha análise científica da realidade. O rearme na teoría do socialismo científico é unha condición imprescindíbel para ese traballo de clarificación e para a súa difusión, favorecendo, cando menos, a articulación da minoría consciente arredor dunha liña axeitada. Agora ben, cómpre superarmos eivas que impiden achegarnos a un coñecemento máis completo da realidade. Por unha banda, a tendencia ao empirismo e ao practicismo, que implica ficar reducidos ás manifestacións externas e superficiais dos problemas, sen irmos á súa raíz profunda, sen permitir e ficando á zaga da axenda dominante. Esta é máis típica do reformismo. Por outra banda, a tendencia ao utopismo e ao dogmatismo, onde os obxectivos estratéxicos acaban convertidos nunha entelequia abstracta afastada do movemento real e das expresións concretas dunha realidade material en movemento. Esta típica do esquerdismo. Tanto unha como a outra versión son complementares: contribúen en certa medida a facilitar a iniciativa ideolóxica para as clases dominantes e son o resultado dunha visión unilateral, parcial e segmentada da dialéctica materialista, que non nos achega á comprensión da totalidade. Nese sentido, unha tarefa central das novas camadas de cadros comunistas e independentistas é a formación, que tamén se adquire a partir da experiencia, posto que a propia teoría é unha sistematización da bagaxe adquirida na loita de clases tanto a nivel nacional como global.
Ligado a isto, un elemento que é de especial importancia esclarecer para o desenvolvemento dunha estratexia, unha táctica ao servizo da estratexia e unha liña política, é a contradición principal. Sabemos que a contradición esencial no modo de produción capitalista é capital-traballo, mais esta pode adoptar diferentes formas en función do marco nacional ou a época histórica, sendo a contradición principal a forma que asume principalmente e sinalando a potencial vía para superar a esencial. Así, a contradición principal na Galiza é a contradición nacional, que contén antagonismos de clase, polo que a vía para erguermos o socialismo no noso país é a través dun proceso de liberación nacional e independencia. gualmente, a época do imperialismo implica unha mudanza cualitativa na configuración da loita de clases a nivel mundial, que se expresa principalmente no saqueo da grande maioría de pobos do mundo a mans do centro imperialista. É, xa que logo, preciso atacar esa contradición principal para resolver a esencial, xogando a loita antiimperialista un papel central. Todo isto indica que as apelacións a unha “revolución proletaria pura” supostamente voltada ao “socialismo mundial”, sen ter en conta as especificidades propias do marco nacional e a época histórica, converten o horizonte estratéxico nunha mera ilusión abstracta disociada do movemento real. De igual xeito, tamén temos sectores que semellan non ter problema en asumir a contradición nacional como a principal na Galiza, mais tenden a ficar na forma, deixando o que está na raíz máis profunda nun segundo plano e secundarizando na práctica o papel do proletariado e o comunismo dentro da loita de liberación nacional.
Sobre a base do anterior, cómpre tamén claridade nas novas camadas militantes a respecto dos tipos de organización a construír no noso contexto, da súa intervención e das súas potencialidades e límites en función tamén das condicións actuais da militancia revolucionaria. É un tema recorrente falarmos da “crise da militancia” (con especial incidencia no eido xuvenil) na liña do sinalado ao comezo, mais debemos ser quen de comprender as súas raíces. Dita crise hai que entendela no contexto da debilidade das alternativas revolucionarias a nivel mundial e do fortalecemento da ideoloxía dominante, reforzada no Norte Global pola posición avantaxada (aínda que en declinio) obtida en base ao saqueo do resto do mundo, que constitúe a base material para o predominio do reformismo no movemento obreiro e popular. Na Galiza, en tanto que periferia do centro imperialista, non somos alleos a ese marco global, onde por unha banda a opresión nacional e colonial a mans do Estado español actúa de catalizador da loita de masas, mais ao mesmo tempo esta loita e a propia formación dunha militancia consciente e comprometida atópase limitada pola nosa inserción (aínda que subordinada) dentro do Norte Global. Polo tanto, nesas condicións, a aposta por un “partido comunista de masas” non sería viábel, xa que non tería en conta as dificultades para elevar a súa consciencia nas condicións mencionadas. Pola contra, precisamos construír unha organización de cadros que priorice a calidade por riba da cantidade na súa composición, defenda a independencia de clase e difunda o socialismo científico. Iso non é incompatíbel co necesario traballo en frontes máis amplas e espazos de masas, tanto no político como no sindical, así como noutros movementos sociais, co vector común de promover a articulación desde o noso marco nacional de loita na perspectiva da loita pola República galega. A contradición nacional pode axudar a mobilizar amplos sectores populares, unindo as comunistas con outras soberanistas e antiimperialistas, polo que é tarefa do proletariado situarse á fronte das alianzas pola liberación nacional para así garantir o avance do proceso en dirección ao socialismo.
Ligado ás dificultades mencionadas e xustificándose nelas, existe tamén a tendencia practicista de quen se limita á xestión das frontes de masas do nacionalismo popular (afectando tamén ao eido xuvenil), derivando na subordinación do estratéxico ao inmediato. Nese sentido, para a articulación dunha organización estratéxica como a que pretendemos construír nas actuais condicións, é prioritario agrupar os sectores máis avanzados a través da propaganda explicitamente comunista e independentista e baixo unha liña xusta, rearmándonos ideoloxicamente para poder levar as posicións revolucionarias a sectores crecentes. Agora ben, para o desenvolvemento dun proceso revolucionario e de liberación nacional como o noso non chega con que a vangarda perciba a súa necesidade; debe ser percibida tamén polas amplas masas. Para iso non chega coa mera propaganda e axitación unilaterais, senón que deben comprobalo tamén a través da experiencia, gañando a vangarda a súa dirección no curso da loita. É importante salientar iso porque a experiencia da meirande parte dos sectores conscientes do pobo galego no proceso de liberación nacional levou á construción de expresións de masas como a fronte patriótica (o BNG), o sindicato nacionalista de clase (a CIG) e outros movementos sociais fronte a problemáticas diversas. A súa tarefa é promover a construción nacional e a activación popular nun movemento sociopolítco ideoloxicamente máis avanzado que outras “esquerdas” no Estado español e o continente europeo. Porén, non son alleas ás derivas reformistas (nomeadamente no BNG, pola primacía do electoral e o institucional), o que leva a outros sectores esquerdistas, que adoitan ter máis incidencia en ámbitos radicalizados da mocidade, a desbotar estas expresións. Nalgún caso extremo, iso pode traducirse na pretensión de que os movementos de masas asuman mecanicamente o programa e o discurso de máximos para que estean ligados (mesmo organicamente) ao propósito da construción do mencionado “partido comunista de masas”.
Diante diso, debemos entender as frontes e movementos de masas como ferramentas que adoitan servir como porta de entrada para que sectores máis amplos poidan avanzar na súa toma de consciencia a partir de facerlle fronte (desde unha perspectiva autocentrada) ás problemáticas que padece o pobo traballador galego. Nese sentido, a crise capitalista cronificada, coas dificultades para recuperar a taxa de lucro e a precarización da mocidade traballadora, non vai levar mecanicamente á decantación revolucionaria da xuventude pola mera difusión do programa e o discurso de máximos, polo que a simple ruptura política e orgánica co reformismo, mais que ao mesmo tempo rexeite calquera unidade de acción co tecido nacional-popular galego, é unha vía morta. Agora ben, cómpre tamén a disputa ideolóxica (como a que leva promovendo o noso espazo político ao longo da súa traxectoria histórica) fronte ás tendencias mencionadas anteriormente, que no seo do nacionalismo subordinan o estratéxico ao inmediato, procurando “ampliar a base”, mais cunha folla de ruta que antepón a reforma do marco vixente á socialización da ruptura co Estado español e a independencia nacional. Precisamos construír man con man unha folla de ruta para o movemento nacional-popular galego que ligue o traballo diario coa necesidade da ruptura independentista, ao mesmo tempo vencellando esta con alternativas que entren en confronto aberto coas clases dominantes (mesmo que non sexan socialistas por si mesmas), servindo para ir alén dos límites do electoralismo e o institucionalismo.
Debemos entender as frontes e movementos de masas como ferramentas que adoitan servir como porta de entrada para que sectores máis amplos poidan avanzar na súa toma de consciencia a partir de facerlle fronte (desde unha perspectiva autocentrada) ás problemáticas que padece o pobo traballador galego
En definitiva, cómpre traballar en dous ámbitos ligados entre si. Por unha banda, na articulación dunha organización de cadros que agrupe os sectores máis conscientes, desde a defensa da independencia de clase e a clarificación ideolóxica en chave comunista e independentista. Por outra banda, o traballo nas expresións de masas para elevarmos a consciencia en sectores máis amplos e erguermos unha folla de ruta dirixida cara a unha República galega ao servizo das clases populares. A consolidación dunha ferramenta de vangarda servirá para que o movemento de masas sexa máis forte, combativo e determinado cara aos seus obxectivos. Eis o traballo que pretendemos desenvolver no noso espazo político, polo que pulamos pola articulación da mocidade arredista e comunista.



