Artigo de Erea Blanco, Concelleira do BNG en Ourense, membro do Consello Nacional do BNG e militante da Marcha Mundial das Mulleres
Pode que haxa quen pense que falar do Moncho Reboiras e do seu legado militante en 2025 está descontextualizado, que nos reafirmar no seu exemplo militante e de vangarda é non comprendermos as realidades políticas e sociais da actualidade. Para nós, pola contra, o Moncho é a isca que prendeu. Falar del hoxe non é só un exercicio de memoria histórica e de coñecemento das orixes do noso movemento, é tamén entender que a Galiza segue sendo un país colonizado, é defender a independencia da nosa clase e do noso pobo e é lembrar que a loita nacional e social, hoxe coma onte, segue viva.
Vivimos nunha ofensiva neoliberal que ataca os dereitos laborais, sociais e ambientais que foron conquistados durante décadas. O avance do fascismo e da extrema dereita en Europa e no Estado español amosa unha tendencia cara á represión e ao retroceso das nosas liberdades con discursos que criminalizan a loita popular e nacional dos pobos oprimidos.
Sumado a este contexto convulso, vivimos un momento de desafección política, promovida por un sistema que fomenta e favorece o individual, minando o tecido militante e debilitando a capacidade de autoorganización popular. Neste contexto de individualismo e crises, o sistema obriga a priorizar a supervivencia individual fronte á loita colectiva. Paralelamente, vivimos un proceso de aculturación e colonización cultural cada vez máis intenso. A globalización capitalista promove un modelo cultural homoxéneo, someténdonos a unha lóxica de dependencia económica e cultural.
Ser revolucionaria nos 70, coma hoxe, non é unha cuestión estética nin de consignas baleiras, senón de práctica política transformadora, enfrontando as contradicións e condicións concretas do noso tempo cun compromiso radical co cambio. A Reboiras tocoulle actuar baixo o franquismo, unha ditadura que perseguía centos coma el, que torturaba e asasinaba, mais aínda así, soubo construír organización, cultura e pensamentos desde a clandestinidade, sen caer en curtopracismos, cunha visión estratéxica de futuro para o proxecto revolucionario. A nós tócanos actuar nun contexto que é “formalmente” democrático mais no que se reduce cada vez máis o espazo para a disidencia, para a transformación, e no que a desmobilización se impón como norma. E, coma el, temos a responsabilidade de rachar coa resignación, de tecermos alternativas, de artellar ferramentas colectivas de emancipación. Ser revolucionaria hoxe, como foi o Moncho naquel tempo, é construír comunidade onde se busca a individualidade, é organizar loita, é imaxinar un futuro diferente cando o presente semella sometido. É, en definitiva, encarnar un proxecto colectivo que deseñe a folla de ruta para a ruptura democrática e camiñe cara á liberación nacional e social do noso pobo.
Neste contexto complexo, reivindicar Reboiras é reivindicar que hai un outro xeito de facer política: desde a base, con organización constante, aprendendo sempre e sen caer no electoralismo nin no curtopracismo. Porque se algo nos legou a militancia daquel tempo é o noso xeito de comprendermos como militar: cun compromiso radical coa clase traballadora deste país e coa construción nacional-popular da Galiza.
Reivindicamos a Moncho Reboiras na memoria e na acción. O Moncho que contribuíu á creación da Fronte Obreira, orixe do que hoxe é a CIG, a ferramenta sindical clave na defensa dos dereitos da clase traballadora deste país. Reboiras comprendía que o sindicalismo non podía limitarse só a negociar melloras puntuais, senón que debía ser unha ferramenta de transformación social. Non centrármonos só nas loitas diarias, senón termos trazada unha folla de ruta para a liberación da clase obreira do país.
O seu legado práctico que moitas militantes independentistas e revolucionarias deste país temos presente a día de hoxe. Un legado militante que comprende que o traballo colectivo é a base da transformación. En tempo en que os activismos se reducen a redes sociais e accións puntuais, reorganizar e construír esta cultura militante do diario e do colectivo é fundamental. O seu legado práctico que moitas militantes independentistas e revolucionarias deste país temos presente a día de hoxe.
Un legado militante que comprende que o traballo colectivo é a base da transformación. En tempo en que os activismos se reducen a redes sociais e accións puntuais, reorganizar e construír esta cultura militante do diario e do colectivo é fundamental. Un legado militante que non agardaba a que as solucións viñesen dadas desde arriba, senón que apostaba polo traballo desde a base e comprendendo que as mudanzas reais e transformadoras veñen da autoorganización popular.
Reboiras foi asasinado con apenas 25 anos mais, aínda sendo tan novo, marcou o camiño que nos debe guiar nestes tempos de desmobilización xeralizada da sociedade. Ese camiño que era o da disciplina e a formación levada á práctica. A día de hoxe, os xeitos de militar na mocidade mudaron, as novas tecnoloxías (que poden e deben usarse como ferramenta de socialización do noso discurso) desmobilizan e promoven a cultura do individualismo. Por iso, o legado do Moncho é un exemplo que cómpre socializar entre as mozas do noso país, porque aí está o camiño para combater a opresión.
Esta comprensión da militancia e do sermos militantes é hoxe máis necesaria do que nunca. Non é unha simple homenaxe histórica no seu cincuenta cabodano, é a lembranza dun exemplo vivo: unha entrega ao país sen heroismos, unha aportación honesta á nosa causa nacional e de clase. Un exemplo clave que segue vixente aínda a día de hoxe: sen organización e sen loita non hai independencia nacional.
Por isto, neste 50 cabodano, non podemos converter a súa figura nunha icona inmóbil. Debemos comprender o legado que nos deixou: unha práctica política fundamentada no traballo colectivo, no compromiso real e na construción de alternativas. A súa memoria debe servirnos para pasar á acción
Debemos aprender do pasado, non para repetir fórmulas daquel tempo de forma acrítica e acientífica senón para inspirármonos e aprendermos. Temos moito que aprender da militancia doutros tempos, que buscaron facer país desde a base, desde a honestidade e comprendendo que as nosas achegas serán valiosas para o futuro, para avanzarmos nas causas xustas, para avanzar na independencia nacional e na superación de todo tipo de explotación.
A semente de Reboiras é a semente da organización, do aprender sempre e da acción comprometida. É a de recuperar esta loita en que estamos miles e que non se contenta co posíbel, que constrúe o necesario. Porque esa semente que deixou e que deixaron outras moitas persoas medra en cada espazo de resistencia, en cada estrtutura de contrapoder, en cada acto de rebeldía.
Esa isca que prende hoxe nas loitas sindicais que se dan por todo o país, nos movementos sociais, nas mobilizacións, na defensa da nosa terra e do noso idioma, na loita feminista. Nós, hoxe, continuamos avivando esa chama por todas as faíscas que prenderon por todo o país, con ese lume, na procura, dunha Galiza ceibe e socialista.



