Réxime do 78: diferentes partidos e gobernos, unha mesma Estratexia de Seguridade Nacional

Artigo de Ximena González, membro do Consello Nacional do BNG e militante da Marcha Mundial das Mulleres

O Estado español elabora, desde 2011, as Estratexias de Seguridade Nacional nas que define as súas políticas de seguranza en relación ás Forzas Armadas e nas que identifica ameazas e riscos e desenvolve as súas estratexias para os afrontar. Mais estas Estratexias serven tamén para tomarlle o pulso ao réxime, pois nelas define un marco político no que toda desestabilización ou cuestionamento do réxime ou do sistema económico é identificada coma unha cuestión de seguranza nacional que precisa ser combatida con todos os recursos dos que o Estado dispón.

A través desta ferramenta, o Estado crea o que dá en chamar “cultura de seguranza” para trasladar á sociedade ese marco político do que é tolerábel dentro do réxime. Ademais, estabelece os mecanismos dos que dispón para esa estratexia: a diplomacia, as forzas armadas, os corpos e seguridade do estado, os servizos de intelixencia, a protección civil, a cooperación ao desenvolvemento e as relacións económicas e comerciais. Todas ao servizo da protección da cidadanía mais, sobre todo, da estabilidade do réxime. A política de seguranza nacional permanece inalterábel a través dos diferentes gobernos desde a súa posta en marcha en 2011.

Xa naquela primeira Estratexia, o PP —e, por tanto, o réxime— identificaba a radicalización política como un problema de defensa e estabelecía mecanismos para a súa prevención e abordaxe. Dentro desa radicalización, sinalábase explicitamente a cuestión nacional:

“A complexidade da sociedade global acentúa aínda máis a radicalización de lealdades e as reaccións identitarias de carácter relixioso, nacionalista, étnico ou cultural, dentro e fóra das nosas fronteiras”. Estratexia Defensa Nacional (2011).

En 2017, o goberno de Rajoy realizou unha revisión e actualización da Estratexia que incorpora o concepto de “conflitos híbridos”, como aqueles cuxo obxecto é a mobilización da opinión e a desestabilización política. Neles, dise, as accións militares van acompañadas de operacións de información e de presión económica e financeira, colocando en destaque o foco da seguridade nacional no ciberespazo con mecanismos de seguimento e monitorización que permitiram a persecución da discrepancia política.

En xuño de 2020, Pedro Sánchez asinou, como presidente do goberno español, a primeira Directiva de Defensa Nacional, emanada da Estratexia de Seguridade Nacional de 2017. Con este xesto, acto solemne de Ministras mediante, o autoproclamado naquela altura “goberno de progreso” de PSOE e Unidas Podemos asumía de facto a política de seguranza nacional deseñada polo Partido Popular nas lexislaturas anteriores. Diferentes opcións electorais, mesmo réxime.

“Xa non existen problemas exclusivos da Defensa, pero a defensa forma parte da solución a calquera problema de seguranza”. Directiva de Defensa Nacional (2020).

Uns meses despois, o goberno PSOE-Unidas Podemos aprobou unha nova Estratexia de Seguridade Nacional, publicada no BOE o 31 de decembro do 2021, que incorpora ao marco xa definido axustes derivados da pandemia da COVID-19, mais sobre todo do proceso catalán. Ademais de apostar por reforzar o papel internacional da Unión Europea e o papel de España na OTAN, aparecen no foco as posíbeis consecuencias sociais e económicas da mudanza climática.

Nesta Estratexia, os principais focos de ameaza que define o réxime son o contexto xeopolítico, o entorno socioeconómico, a transformación dixital (IA, macrodatos) e a transición ecolóxica, estabelecendo calquera desestabilización da orde nestes campos como un risco para a seguranza nacional. Aparece por primeira vez a “subversión política” como unha ameaza ao Estado, consecuencia da análise que o réxime fai do proceso catalán, do seu alcance social e como forma de colocar os recursos e medios precisos para intentar evitar procesos similares no futuro.

Outro foco de “ameaza” central nesta nova Estratexia é todo o relacionado coa información e a difusión de contidos en Internet, nomeadamente as campañas de desinformación. O PSOE e Unidas Podemos apuntalaron así un marco político no que resulta especialmente problemático para quen combatemos o réxime do 78 e este sistema económico que se defina a desinformación como “a vontade de xerar confusión e socavar a cohesión social, o uso coordenado de distintos medios para a creación e difusión de contidos dirixidos a audiencias amplas e a intención con fins de desprestixio”. Porque, en base a esta definición e ao que sinalan como “fomento da radicalización”, constrúen unha resposta de Estado para perseguir calquera intento de espallar ideas contrarias ao statu quo, nomeadamente aquellas que buscan unha transformación radical da sociedade.

O actual goberno PSOE-Sumar non fai máis que reforzar este marco. Como exemplo, a Lei Reguladora do Dereito á Rectificación (2024), que venderon como combate aos bulos nun marco de gran preocupación pola desinformación que a extrema dereita espalla nas redes a través de campañas organizadas. Mais non é máis que o desenvolvemento da Estratexia de Seguridade Nacional que fala de polarización e “extremismos violentos” para referirse a quen dende posicións radicais de esquerda cuestiona o réxime.

Como revolucionarias, temos o deber de coñecer as ferramentas coas que conta o inimigo, non para nos adaptar ao marco que estabelece senón para deseñar estratexias e tácticas máis eficientes que nos permitan combatelo. Cómpre explicar na nosa prática política diaria que os diferentes partidos españois, independentemente da súa propaganda, están aliñados coa estratexia do réxime do 78 na defensa dun estado capitalista, antidemocrático e cárcere de pobos.

Con certeza a nosa aposta nidiamente independentista e socialista e as vías precisas para súa defensa son para o Estado español unha ameaza e un risco. Precisamente por iso constitúen a mellor ferramenta de transformación social.

 

 

Comparte:

As últimas entradas

Reboiras: a isca que prendeu

Artigo de Erea Blanco, Concelleira do BNG en Ourense, membro do Consello Nacional do BNG e militante da Marcha Mundial das Mulleres Pode que haxa quen pense que falar do Moncho Reboiras e do seu legado militante en 2025 está

En marcha pola nosa soberanía

Artigo de Noa Presas e David Soto, membros da Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego Cara á República Galega, obxectivo diario Nun contexto marcado pola corrupción estatal, o rearme reaccionario, o avance do belicismo e a emerxencia feminista, este 25

Conversamos con Lucía Freire e Anxo Noceda

A Confederación Sindical Galega (CIG) é, agora mesmo, a primeira forza no conxunto dos centros de traballo galegos, mais que unha expresión organizativa do soberanismo sexa hexemónica é aínda algo novo. Observar o fenómeno pode axudarnos a continuar mellorando a

Feminismo e construción nacional

Artigo da Comisión Nacional de Feminismo do Movemento Arredista A Marcha Mundial das Mulleres, 25 anos de historia na Galiza A dimensión que hoxe acada o movemento feminista, tamén o galego, era impensábel hai 25 anos, cando nacía a Marcha