Sobre o “Goberno de Progreso” e o papel histórico do PSOE

O incumprimento sistemático da maioría das súas promesas, dos compromisos con outras forzas e da súa retórica de esquerdas é un dos principais sinais de identidade do PSOE. A estas alturas, parece evidente que non ten sentido seguir acreditando no seu discurso nin ter expectativas positivas de ningún tipo canto a eles.

Moitas foron as expectativas creadas en certos sectores pola investidura do autodenominado “goberno de progreso”. Se ben a actual fórmula de coalición no goberno español é inédita, evidentemente non o é o liderado do PSOE. De feito, non só foi o partido que máis tempo gobernou nas últimas décadas, tamén foi o que facilitou a consolidación dos principais trazos que foron definindo o réxime postfranquista. A entrada na OTAN, a integración capitalista europea que deu lugar á actual UE, a reconversión industrial, o desmantelamento dos nosos sectores produtivos, a desregulación en materia laboral… son procesos que levan a marca do PSOE e contaron con esa forza como principal executora. 

Por tanto, os seus gobernos (e o actual non é excepción) non supuxeron ningún tipo de anomalía neste réxime, como ás veces se pretende facer ver, senón un factor fundamental para a súa continuidade e consolidación.

A furibunda reacción da dereita non pode ser medida como indicador do suposto caracter “progresista” deste goberno. Respostas similares (se non maiores) hóuboas durante a presidencia de Zapatero, e ese goberno foi o que impuxo algunhas das peores medidas antipopulares que aínda hoxe sufrimos, incluída a reforma da Constitución e as reformas laborais e das pensións nas que despois afondaría o PP.

Desde que se situou como un actor central da chamada “transición” e do réxime que nacería dela, a caracterización que o nacionalismo galego fixo do PSOE non variou: é un dos principais piares do Estado, unha das caras da mesma moeda que é o réxime oligárquico posfranquista. 

Porén, esa caracterización formalmente asumida non sempre levou aparellada unha práctica política consecuente. Así, nalgúns momentos entendeuse que a opción desexábel e case que considerada por defecto era, sempre que a situación o permitise, cogobernar co PSOE. 

Temos claro que en moitas ocasións será inevitábel escoller facilitar o “mal menor”, mais iso non debe implicar renunciar á necesaria pedagoxía social sobre cal é o verdadeiro papel desa forza, nin por suposto contribuír a lexitimala como actora de esquerda. Cómpre favorecer todo aquilo que supoña un avance puntual para as maiorías sociais do noso pobo e axude a aliviar as súas condicións de vida, mais pensamos que iso non pode implicar nunca crear falsas ilusións sobre o que se pode esperar do PSOE. Tampouco, independentemente de cal sexa o xogo de maiorías de cada momento, o soberanismo debería xogar nunca un papel de estabilización do réxime nin facilitar por norma a “gobernabilidade” do Estado, na liña do papel que tradicionalmente exerceron certas dereitas periféricas. 

O incumprimento sistemático da maioría das súas promesas, dos compromisos con outras forzas e da súa retórica de esquerdas é un dos principais sinais de identidade do PSOE durante más de catro décadas. A estas alturas, parece evidente que non ten sentido seguir acreditando no seu discurso nin ter expectativas positivas de ningún tipo canto a eles.

O acordo de investidura do BNG co PSOE é, por desgraza, un exemplo ilustrativo do que se pode esperar desa forza. Incumprido na súa inmensa maioría, abonda ollar para un dos puntos máis celebrados no seu momento: as peaxes da AP-9. Non só non houbo durante máis de ano e medio avances en paliar parcialmente esa estafa, senón que ademais xa sabemos que a pretensión é que nos próximos anos haxa que pagar por circular por moitas outras estradas.

Este anuncio é só un exemplo das medidas que o goberno español presentou á UE como parte do seu “plan de recuperación”, que a pesar da súa calculada ambigüidade xa mostra ás claras os novos ataques e recortes que virán, como o das pensións, cuxo primeiro paso foi xa aprobado. Fica así confirmado que tanto PSOE como UP mentiron en relación a un suposto novo paradigma das axudas europeas e á ausencia de contrapartidas en forma de axustes.

Poucas cousas abonan mellor o terreo para o medre do fascismo que a desafección causada por gobernos que se din de esquerda e que incumpren as expectativas criadas

O recente ascenso de Calviño no seo do goberno non fai máis que confirmar que a ortodoxia neoliberal marcada pola UE será seguida de forma fiel, provocando, se non o impedimos, que a clase traballadora sexa novamente a sacrificada nesta crise.

A nivel estatal existen fundamentalmente dous proxectos diferentes (os dos bloques liderados hoxe por PP e PSOE) mais que non son antagónicos, pois comparten obxectivos: garantir a supervivencia do réxime e o piar fundamental que a sustenta, que é a unidade do estado e a negación da soberanía dos pobos. A diferenza do proxecto máis explicitamente violento e recentralizador que sostén a dereita española, o defendido polo PSOE baséase en leves concesións e reformas cosméticas. A “2ª transición” da que fala o goberno non pretende superar o réxime posfranquista, senón consolidalo para facer sustentábel a dominación das nacións que cada vez é máis difícil manter exclusivamente pola vía represiva.

A experiencia no resto de Europa e do mundo deixa claro que poucas cousas abonan mellor o terreo para o medre do fascismo que a decepción, desmobilización e desafección causadas por gobernos que se din de esquerda que non só incumpren as expectativas criadas, senón que ademais continúan aplicando no esencial as mesmas políticas antisociais que a dereita. 

Conxurar ese perigo é un dos moitos motivos para que desde a esquerda real nos situemos coherentemente ante a (mal)chamada “socialdemocracia” europea e os seus gobernos. O contrario implica perpetuar dinámicas de subordinación como as que agora mesmo protagonizan forzas como Podemos (e IU), máis preocupada xa por ser un actor máis do réxime a cambio de determinados espazos de xestión insitucional que en superalo.

O noso papel debe ser o contrario: denunciar e sinalar o papel do PSOE, utilizando as institucións tamén para iso e evidenciando os límites das mesmas con vontade de trascendelos. En definitiva, asumir que debemos loitar non só contra uns determinados gobernos, senón contra un réxime, con todo o que iso implica.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.