Este último ano e medio foi especialmente difícil para a mocidade galega: non é só unha pandemia mundial, é unha crise sanitaria que irrompe nunha crise económica e social que leva esquilmándonos durante anos. As mozas non podemos imaxinar un futuro porque por nós decide o capital. Cando queremos estabelecernos aquí, temos que emigrar na procura dun contrato de traballo; cando aspiramos a un emprego digno, batemos coa temporalidade, os abusos dos nosos xefes ou o mesmo deserto laboral; cando, con todo na nosa contra, intentamos saír adiante nos nosos estudos e proxectos vitais, topamos coa depresión, a ansiedade e, moitas das veces, problemas peores.
O contexto énos desfavorábel. As mozas militantes intentamos loitar, desde o apoio mutuo que nos dá estarmos organizadas, contra toda a resignación que nos deixa este momento. En Isca!, a organización xuvenil do Movemento Arredista, seguimos activas desde as zonas e nos grupos de traballo, programando actividades para ofrecer formación, debate e vínculos a toda persoa interesada en mellorar a situación. Cando o ano pasado organizabamos unhas xornadas LGBT onde procurabamos achegarnos a temas de actualidade coas ferramentas que o marxismo nos dá, a intención era pór a nosa enerxía colectiva para o avance dos dereitos de todas. Este ano propomos unhas xornadas de formación telemáticas sobre sindicalismo e dereitos laborais, porque existe unha preocupante desconexión das mozas co sindicato e mesmo con outras traballadoras na nosa situación. É urxente reconectármonos coa conciencia de clase e coa loita.
Mais os pasos tamén se dan noutros planos que talvez non son tan públicos. Seguimos a pór as nosas forzas nos centros sociais que resisten as inclemencias do entorno e os ataques directos dos gobernos municipais que non recoñecen no encontro político unha necesidade básica de todas. Continuamos a facer propostas en chave local, programando actividade interna e pública, tecendo rede con outras organización xuvenís e outros espazos sectoriais e estratéxicos.
Nesta liña, este ano faciamos efectiva a nosa entrada na fronte xuvenil que é Galiza Nova. Entendemos que esta decisión é a máis coherente tendo en conta a liña desenvolvida polo noso espazo político e o lugar que ocupamos dentro do nacionalismo popular en xeral e en particular dentro do movemento xuvenil galego. Deste xeito, foi clarificado o noso papel como unha escola de cadros marxista, que opera na meirande expresión de masas do soberanismo xuvenil, procurando fortalecer a resposta en chave nacional e de clase fronte aos graves problemas que padece a mocidade galega, nun contexto de ofensiva das clases dominantes contra os nosos dereitos.
Porén, a nosa entrada en Galiza Nova non ten como obxectivo limitarnos ao acomodamento nas dinámicas propias desta organización, pois nese caso o noso papel non sería de utilidade para o avance do noso movemento político. Precisamente para que Galiza Nova sexa unha ferramenta ao servizo da organización e a loita xuvenil no noso país, o noso traballo nese eido, desde coordenadas coherentemente independentistas e comunistas, debe servir para que o nacionalismo xuvenil avance nunha práctica e unha folla de ruta consecuente coas súas metas políticas. Por iso, defendemos que Galiza Nova debe ser unha organización democrática, plural, participativa, combativa, feminista na teoría e na práctica, sen ataduras no cuestionamento radical do Estado español e a ditadura do capital, cunha axenda propia e non subordinada aos ritmos electorais e institucionais.
Outro importante eido de traballo para nós é a organización da manifestación xuvenil independentista do 24 de xullo, xunto con outras organizacións xuvenís e estudantís. Desde Isca! sempre defendimos a unidade de acción no seo do nacionalismo e o independentismo xuvenil, por riba doutros intereses, sen seitarismos e cunha atitude construtiva, procurando que a mobilización do 24-X sexa o máis ampla e abranguente posíbel, para a socialización dunha mensaxe independentista sen complexos.
Desde Isca! sempre defendimos a unidade de acción no seo do nacionalismo e o independentismo xuvenil, por riba doutros intereses, sen seitarismos e cunha atitude construtiva
Este ano, o lema da citada mobilización é “A República galega é o futuro”. Con ese lema, o noso obxectivo é amosar que, fronte ao horizonte distópico e miserábel que nos teñen asignado no marco do Estado español e a Unión Europea, temos a posibilidade de erguermos un proxecto de país claramente superior e un futuro radicalmente diferente nunha República galega onde o poder político estea nas mans do pobo traballador. Con organización e loita, confiando nas nosas propias forzas, está nas nosas mans racharmos coa miseria derivada da dependencia do noso país e o capitalismo.
En definitiva, traballo político orientado ao avance da consciencia nacional e de clase no seo da mocidade galega fronte ao individualismo liberal promovido pola ideoloxía dominante. A organización é a nosa mellor arma!