Metal da Coruña: gaña a clase obreira

Leccións que nos deixa a loita das traballadoras do metal para arrancar dereitos á patronal na renovación do convenio colectivo.
Metal

Antón Cebey, Membro da executiva da CIG-Industria

Despois de rematada a vixencia do convenio do metal a finais do 2019, e tras continuas evasivas da patronal para sentar a negociar o convenio, para as cales a pandemia da Covid era a disculpa perfecta, e ante a pasividade de CCOO e UGT, tomamos a iniciativa a e iniciamos unha campaña axitativa en todo o sector con convocatorias de mobilizacións de delegadas e delegados, numerosas asembleas nos centros de traballo para predispor ao sector a unha negociación que xa se prevía que ía ser dura e longa no tempo.

Transcorridas varias reunións de negociación constátanse as pretensións que quería impor a Patronal: incrementos salariais ridículos sen revisión do IPC, desregularizar a xornada de traballo, non admitir o dereito de subrogación para o persoal de subcontratas, etc.. evidentemente todo moi lonxe das reivindicacións sindicais: mantemento do poder adquisitivo, subrogación total do persoal das contratas privadas, redución das horas de xornada anual, etc.

Logo de confirmarse o bloqueo da negociación e despois de valorar todas as opcións posibles e consulta cos traballadores e traballadoras do sector, a CIG propón ao resto dos sindicatos a convocatoria de folga, que tras as primeiras reticencias acaban aceptando.

Co comezo das xornadas de folga evidenciase que é a CIG quen mobiliza o sector, organizando en solitario os piquetes e con unha residual participación dos sindicatos CCOO e UGT. Cada vez estaba máis claro que estaban agardando o fracaso da mesma, para ter un motivo co que xustificar poder asinar as vergoñentas condicións que propoñía a patronal.

Despois de sete xornadas alternas de folga con unha gran participación por parte dos traballadores e traballadoras do metal, co resultado de multitude de empresas totalmente paradas e con varias manifestacións multitudinarias, faise patente o grande apoio as reivindicacións. Ante esta situación a Patronal move ficha e promove unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais; despois de varias horas de negociación e distintas propostas o mediador do AGA, este traslada as partes unha proposta de acordo que recolle practicamente na súa totalidade as reivindicacións sindicais. A CIG celebra asembleas abertas do persoal do sector e tras as correspondentes votacións acórdase practicamente por unanimidade  a sinatura do convenio do metal.

Son varias as leccións que debemos aprender desta loita victoriosa do metal. A primeira delas é que o sindicalismo nacionalista de clase demostramos unha vez máis que, por difícil que pareza o obxectivo si se pode vencer, sempre que exista a organización de base suficiente para dar as batallas e a disposición para crear o conflito necesario. Ser conscientes en todo momento que só podemos contar coas nosas propias forzas para mudar o rumbo das cousas, e que tanto a patronal, sindicatos estatais e aparello institucional nunca pararán de intentar conseguir que fracasemos como proxecto. É necesario combinar axeitadamente a combatividade que nos é propia coa análise intelixente de cada situación concreta, pois será a forma de non darlle armas a quen nos quere borrar do mapa.

A segunda lección é constatar o grao de desnortamento do sindicalismo español, que perderon toda credibilidade entre os sectores mais avanzados da clase obreira, nomeadamente da mocidade, e que actúan cada vez máis como mortos viventes a remolque da conflitividade que planificamos e levamos adiante desde a CIG. Aos sindicatos de Madrid xa só lles queda existir na súa faceta de serventes do capital coa misión de tentar ralentizar o avance do sindicalismo nacionalista, pois saben que en calquera loita que se emprenda con decisión de gañar –como esta do metal da Coruña- estarán condenados a ser espectadores sen iniciativa propia, comparsas prescindíbeis, cando non directamente estorbo.

A terceira lección –e seguro que haberá outras-, é que desde a trincheira do sindical temos a capacidade e a vontade abrir multitude de batallas, axitar e mobilizar a clase traballadora galega na defensa dos dereitos, dos salarios e dos convenios. Pero ao mesmo tempo compre termos claro dúas cuestións que cada vez se fan máis evidentes: a primeira é que a terrible situación socio-económica que vivimos a clase traballadora, e sobre todo que imos vivir nos próximos tempos, non vai ser posible enfrontala só desde loitas parciais en cada un dos sectores, senón que imos ter que provocar a confluencia dos conflitos de cara a unha resposta xeral contra a crise capitalista permanente que provoca carestía da vida e empobrecemento da clase traballadora. A segunda evidencia é que desde o sindicalismo creamos conciencia soberanista e anticapitalista no proletariado galego, mais sempre nos límites que permite a loita sindical. O sindicato nunca pode suplir o papel crucial das organizacións políticas e da propia Frente Patriótica que teñen que saír ao encontro da clase obreira galega, única maneira de que esta perciba o soberanismo político como aliado estratéxico, e encadre as súas reivindicacións económicas e sociais na loita pola independencia e o socialismo.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.