Liberación nacional e soberanía en chave feminista

Artigo da compañeira Ximena González, publicado orixinalmente no Nós Diario.

Haberá quen pense que con poucas cousas ten menos a ver a soberanía nacional que coa violencia machista, pois a ideoloxía dominante traballou arreo nos últimos anos após a explosión mobilizadora do 2018 para colocar o discurso feminista “fóra” da súa intersección co resto de loitas emancipatorias. O obxectivo é claro, illar un movemento con gran potencia transformadora para que non sirva de panca a outros. 

A realidade é que sendo o patriarcado un sistema de opresión que impera a nivel global, non é complexo observar que opera baixo as particularidades culturais de cada pobo, e é que se pode identificar con claridade que onde a loita feminista permea e se deixa permear por outras, os avances son moito maiores. Traio esta reflexión para entendermos un dos desafíos feministas do presente da Galiza que liga directamente coa loita pola liberación nacional e a soberanía como motor de transformación. 

O feminismo galego emprega desde 2014 (que se teñan fontes) un protocolo de resposta ante os feminicidios que teñen lugar no país consistente en mobilizarse após 24 horas da confirmación en prensa escrita dun asasinato machista. No Estado Español non existe outro protocolo estabelecido nin a capacidade mobilizadora que este acordo dá a un feminismo capaz de organizar en 24h ou 48h ducias de mobilizacións en vilas, aldeas e cidades ao longo do territorio. 

Este proceder que se mantén inalterado choca en ocasións coa problemática que supón que a Galiza e o Estado Español teñan formas legais diferentes de definir o que é violencia machista e por tanto cando un asasinato recibe unha cualificación diferente á de feminicidio. 

Sendo o patriarcado un sistema de opresión que impera a nivel global, non é complexo observar que opera baixo as pecualiaridades de cada pobo

A Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero define no seu artigo 1 a violencia de xénero da seguinte forma “Aos efectos da presente lei, enténdese por violencia de xénero calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se acontecen no ámbito público como na vida familiar ou privada“ incluíndo nesta a violencia vicaria. Mentres a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a violencia de xénero define a mesma no seu artigo 1 deste xeito: “A presente Lei ten por obxecto actuar contra a violencia que, como manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres, se exerce sobre estas por parte de quen sexan o foran os seus cónxuxes ou de quen estean ou estiveran ligados a elas por relacións de afectividade, aínda sen convivio”.

A diferenza de formulacións é clara, mentres a Lei galega aposta por desvincular a violencia exclusivamente do entorno afectivo, a Lei estatal fai desta cuestión a centralidade da súa definición. 

As consecuencias son importantes pois é a definición de violencia de xénero da Lei estatal a que estabelece a oficialidade dos asasinatos machistas, deixando fóra numerosos crimes que se comenten contra as mulleres polo feito de selo e que non atopan resposta nen legal nin social a través da mobilización e da denuncia.

A loita na Galiza

No caso galego a definición legal é consecuencia da loita política dun feminismo fortemente impregnado na loita nacional pois foi o traballo do BNG no goberno da Xunta de Galiza na Consellaría de Igualdade quen impulsou un avance xestado previamente na loita social de rúa. Está cuestión exemplifica á perfección a panca de avance das loitas interseccionais que neste caso impulsan a loita feminista e nacional na Galiza para sobrepasar o marco estatal e colocarse en sintonía co discurso internacional expresado no marco da ONU onde se define a violencia machista como “todo acto de violencia de xénero que resulte, ou poda ter como resultado un dano físico, sexual ou psicolóxico para a muller, inclusive as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, tanto se se producen na vida pública como privada”.

O próximo reto que presenta está cuestión para o movemento feminista galego é a loita pola incorporación do termo feminicidio no tratamento dos crimes e manter unha axenda propia allea a un marco estatal que camiña moi por tras da Galiza nestas cuestións.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.