É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.

As loas e gabanzas á enerxía eólica como tecnoloxía clave na loita contra o cambio climático veñen incrementándose ante a progresiva aparición de proxectos de instalación de parques eólicos no noso país. Estas mensaxes intensificáronse nas últimas semanas, após a paralización de varios parques por parte do TSXG, vía axentes políticos e económicos que até estes últimos tempos non tiñan expresado moita preocupación polo medio ambiente.

A consideración da enerxía eólica como unha enerxía «limpa» está apoiada en que, na produción de enerxía eléctrica, non se producen gases de efecto invernadoiro. Se ben isto é certo, poderíamos afirmar que so é unha media verdade, xa que a etapa de produción eléctrica é unha pequena parte de todos os procesos necesarios para que un aeroxerador poida comezar a xirar. Esta serie de procesos constitúen unha amálgama moi complexa que inclúe manufactura, transporte, instalación, mantemento e fin de vida. Polo tanto, os impactos ambientais asociados a estes procesos deberían ser considerados na valoración da sustentabilidade ambiental dos aeroxeradores, sen tomar unicamente a etapa de produción polo todo.

Ademais existe outra media verdade no discurso sistémico da transición enerxética. O cambio climático, se ben pode ser o problema máis urxente ao que nos enfrontamos como especie humana, non é o único a considerar en relación aos sistemas e procesos que regulan o «estado de saúde» do noso planeta. Na última década vense manexando o concepto de fronteiras planetarias, que inclúe outros impactos —ademais do propio cambio climático— que teñen o potencial de rachar coa estabilidade ambiental do sistema terrestre, con consecuencias que alterarían o mundo tal e como o coñecemos. Pois ben, moitos dos impactos asociados aos procesos sinalados afectan ás fronteiras planetarias da contaminación química, do cambio de usos dos solos ou da perda de biodiversidade, entre outras. Alén das consideracións científicas e tecnolóxicas, agroman tamén consideracións socioeconómicas. O problema da transición enerxética non pode ser considerado como un simple problema tecnolóxico no que se substitúen unhas tecnoloxías de produción por outras supostamente máis limpas, xa que os nosos estándares de vida —como cidadáns da Europa occidental— están baseados na explotación doutros pobos do mundo e na transgresión das fronteiras planetarias. Debemos comezar por reconsiderar o noso modo de vida, construído sobre unhas necesidades enerxéticas insostíbeis, para promover cambios sistémicos profundos no modelo de produción-consumo actual, que necesariamente terán que ir acompañados de transformacións nos estilos de vida.

Vaian estas consideracións contra as acusacións a organizacións políticas, sindicais e ambientalistas que loitan en defensa do noso territorio de ser acientíficas ou de non defender os intereses do pobo galego. Nada máis lonxe da realidade, xa que estas organizacións non están a loitar contra as enerxías renovábeis, senón contra unha transición enerxética que aspira a manter o dispendio de enerxía —que redunda maioritariamente en lucro privado— e non en satisfacer as necesidades básicas da sociedade. Debemos loitar por un modo de empregar os nosos recursos enerxéticos máis racional e sustentábel, que só poderá ser atinxido cun control público sobre a produción enerxética do noso país.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas