Polo dereito colectivo ao coidado

Artigo da compañeira Ximena González, publicado orixinalmente no Nós Diario.

Durante a crise sanitaria da COVID-19 xurdiu en Euskal Herria entre o movemento feminista a necesidade de articular unha resposta forte que dera espazo aos retos e preocupacións crecentes, por un lado a preocupación sobre os efectos da pandemia na crise de coidados existente e a aceleración que esta podía sufrir e por outro a oportunidade que abriu a propia crise sanitaria para interpelar as institucións e exixir mudanzas radicais no modelo de organización dos coidados.

Nacía así a Coordenadora Feminista de Euskal Herria Bizitzak Erdigunean, que arredor destas reflexións creou un espazo de articulación do feminismo popular que vertebrou un debate ao longo de todo o país, e que foi creando as condicións necesarias para que o 8 de marzo de 2023 o feminismo vasco realizase o lanzamento do chamado a unha greve xeral feminista este 30 de novembro.

Folga feminista

Os encontros e debates locais e nacionais da coordinadora Feminista de Euskal Herria tentan construír unha mirada feminista sobre os coidados que recoñeza a un tempo a parte positiva dos mesmos (os coidados son parte imprescindíbel das nosas vidas, pois somos dependentes unhas das outras) e a parte negativa (a desigualdade que atravesa os coidados). 

A proposta política deste espazo de articulación feminista pasa por unha fonda transformación do sistema de coidados en todas as súas dimensións e por unha aposta en favor do que elas chaman “a política cotiá dos coidados” que non é outra que aquela que se dá no día a día nos fogares, nas relacións, nas rúas e nas aldeas. A esta aposta vai ligada tamén unha aposta por mudanzas radicais no institucional que camiña para un sistema público-comunitario vasco de coidados que garanta o dereito colectivo ao coidado.

Dende Bizitzak Erdigunean levan dous anos realizando encontros, xornadas, debates e abrindo espazos de reflexión e análise arredor do comunitario para construír unha idea común que impulse a súa politización fronte á cooptación institucional e os remendos propostos dende as instancias do poder. 

Esta defensa dos coidados como base para unha vida digna e a súa importancia como parte integral das vidas, e precisos en todo momento e en todos os ámbitos, aparecía xa en 2018 nas convocatorias de greve feminista na Galiza con lemas como “Sen coidados non hai vida”. 

Tamén a análise sobre o actual réxime de coidados e o inxusto e limitado que está, deitando sobre as costas das mulleres a responsabilidade e o traballo de soster a vida en condicións de explotación e precarización.

Coidados, un privilexio

O feminismo vasco trae á axenda do feminismo a importancia de transformar o sistema de coidados non só polos coidados en si mesmos, senón porque estes constitúen unha panca para a transformación social e teñen un potencial político inmenso. A aposta é polo dereito de todas as persoas a dar e recibir coidados en condicións de liberdade e compromiso, indo alén da ollada que hoxe colocamos nos coidados como algo vinculado á falta de autonomía das persoas para desenvolver as actividades básicas da vida diaria.

A vida das mulleres non pode ser sacrificada pola obriga de coidar. Hoxe non coidar é un privilexio

A reflexión colectiva do feminismo vasco pon o foco en reivindicar a capacidade de decisión sobre canto, como e a quen queremos coidar e por quen queremos ser coidadas incluíndo nisto o dereito a dicir non aos coidados. Unha demanda política que inclúe a tarefa imprescindíbel de explicar que a vida das mulleres non pode ser sacrificada pola obriga de coidar ao tempo que cómpre denunciar que hoxe non coidar é un privilexio.

Parte do traballo que vén facendo o feminismo vasco neste espazo de análise e reflexión é tentar definir como construír ese novo modelo de coidados público-comunitario dende unha óptica feminista e anticapitalista, no longo e no curto prazo, en base a unha idea central: o público debe ser garante do dereito ao coidado, accesíbel para todas, universal, equitativo e de calidade para quen o recibe e para quen os dá. Aliás a aposta por este novo modelo chama a combater a mercantilización que sufre actualmente o sistema de coidados e que somete ás mulleres a unha precarización extrema.

Neste marco de debates nace o Acordo Social, que recolle as principais ideas e reflexiones do proceso e que recolle a táboa reivindicativa coas demandas a curto e longo prazo do feminismo vasco en relación aos coidados; documento que serve de panca mobilizadora para esta primeira greve xeral feminista convocada para o 30 de novembro en Euskal Herria que colocará novamente no centro da axenda unha vida digna para todas fronte ás lóxicas do capital.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

É a enerxía eólica tan «limpa» como nos queren vender?

Artigo do noso compañeiro Júlio Conde (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia) en resposta a publicacións previas no mesmo xornal por parte de dirixentes empresariais e de CCOO, que criticaban as decisións da xustiza de frear algúns proxectos eólicos impulsados polas grandes eléctricas no noso país.